Opinión

En nome de quen ou de que?

A todas as ideoloxías e a todos os gobernos lles saen excrecencias ou, dito dun xeito máis sinxelo e concreto, verrugas. Vaia, hai ideoloxías ás que non lles acontece iso porque xa son de seu enormes cúmulos de tecido inútil, cando non daniño. Por iso é lóxico que xurdan correntes contrarias a calquera tipo de autoridade, como propugna o pensamento anarquista.  Mais, neste caso tamén se cumpre o antedito. O anarquismo tampouco se libra das verrugas.

Para Jorge Luis Borges era unha aspiración: "Confío que con el tiempo mereceremos no tener gobiernos". Era individualista e refugaba o comunismo e o fascismo. En consecuencia, o peronismo —segundo el, liberticida e fascista— foi branco dos seus dardos verbais. Non é do caso referírmonos agora á súa afiliación, nun momento dado, ao Partido Conservador de la Argentina. O certo é que até a fin dos seus días se autodefiniu como anarquista individualista, na liña de Herbert Spencer, que defendía o individuo e a propiedade privada, fronte aos teóricos clásicos do anarquismo (Proudhon, Bakunin, Kropotkin), inimigos da propiedade privada e postuladores do colectivismo. 

Adoitamos asociar anarquismo e violencia; porén hai que lembrar que existe o chamado anarcopacifismo. Este, por exemplo, na educación e cultura de Costa Rica influíu moi positivamente. O doutor José Néstor Mourelo Vila, de pais galegos (Val do Mao-Incio-Lugo), promoveu desde 1951 dous xornais desta ideoloxía, El Sol e La Opinión. Considerado "prototipo de anarquista bondadoso", un seu fillo de igual nome, nun tempo embaixador na Unesco, foi o ideólogo do Estatuto de la Perpetua Neutralidad Costarricense, promulgado en 1983 polo daquela presidente, Luis Alberto Monge. 

Vén todo o anterior a conto do conflito arredor de Ucraína, Rusia e a OTAN. Hai gobernos dispostos a nos meter nunha guerra de resultado imprevisíbel malia non ser esa a vontade da maioría que, iso si, será quen pague as consecuencias. É nestes casos cando nos gustaría vivir nunha sociedade anarquista que, como pedía Borges, merecese non ter goberno. Isto podería acontecer se os individuos, un a un e unha a unha, nos responsabilizásemos do noso estar no mundo e da salvagarda dos dereitos humanos. Porén, as utopías só serven para camiñar cara a elas, o que non é pouco. Que a da paz universal non move o mundo, é evidente. En nome de quen ou de que somos sospeitosas as persoas que a reclamamos?  

Unha cousa é certa: a guerra non conduce á paz. Como afirmou Gandhi, non hai camiño para ela, senón que ela mesma —a paz— é o camiño. Un camiño que, ou arrinca do corazón de cadaquén, ou non leva a ningures.

Comentarios