Opinión

Nomes que definen

Hai nomes que non cadran, como Clara ás moreniñas, Amparo ás desamparadas, Remedios ás asasinas, Amaro aos doces (amaro=amargo) ou Casto aos libidinosos. Os exemplos poderían ser moitos máis.

E tamén hai nomes feitos a medida dos seus portadores, nomes definitorios, sobre todo cando os elixe a propia persoa designada con eles. É o caso do grupo de violadores de infausta memoria auto-proclamados La Manada. Agora, ao ter noticia dun trío de cretinos que actuaron nun evento de Vox, comprobo máis unha vez isto que afirmo.

Non lles quero facer propaganda, mais é preciso que os nomee: Los Meconios. O meconio é o primeiro excremento dos nenos que acaban de nacer, constituído por células mortas e mais secrecións hepáticas e estomacais que lles recobren o intestino. 

Velaí o seu xeito de reivindicar a dignidade humana; a deles, para comezar, a se percibír como feces. Calquera que saiba un pouco de psicopedagoxía, ten presente a importancia da autoestima no comportamento das persoas. Quen se valora, porque lle fixeron sentir a propia valía, trata de actuar consonte o que se espera dela. Alén da intención provocadora, hai algo máis nos Meconios, algo escuro que non precisa dun psicanalista para ser detectado.

Vamos a volver al 36, canta este grupo, e din que se refiren á esquerda, que é ela a que nos quere retrotraer a aquela aciaga data. En sendo así, certamente manexan mal a ironía. Que nos expliquen, xa que logo, a que vén a groseira alusión aos grupos LGTB ou ás inmigrantes senegalesas. Non hai dúbida de que teñen unha musa ‘facha’ ou, se o prefiren en xénero masculino, un nume ou estro totalitario. Abonda con lles seguir a traxectoria para saber de onde veñen e a onde queren ir.

Ben se percibe que andan na mesma órbita que boa parte dos residentes no colexio maior Elías Ahuja, que cuspiron insultos noxentos, de extremo machismo, ás rapazas do tamén colexio maior Santa Mónica. Seica expulsaron o portavoz para lavar a cara da residencia, mais a semente fica dentro e xermina.

Mente quen di, fronte á Lei de memoria histórica, que hai que esquecer o pasado. Cómpre recordalo -etimoloxicamente, pasalo polo corazón- para medir as cotas de inhumanidade que pode alcanzar o ser humano. Porén, lembralo para repetilo, é facer propios os crimes pasados e tamén os futuros. 

As guerras non nacen de súpeto, moito menos se son civís, de irmáns contra irmáns. Son un pan envelenado que leveda paseniño e se coce no forno da intolerancia e o pensamento único.

Urxe un S.O.S. desde este mar que non navegamos, senón que nos navega e nos deposita na area como as crebas dun naufraxio. Chamámonos Naufraxio.

Comentarios