Opinión

Nós, inocentes, acusamos

IRÁN AMAINANDO os ecos e as voces do sucedido e o pequeno Gabriel pasará á nómina das vítimas que máis doen, aquelas ás que aínda non contaminara o río da vida ao baixar toldo. A esa nómina acudiremos cando un novo suceso a faga medrar. Por desgraza, antes ou despois, volverá acontecer. É froito da condición humana cando se torna inhumana.

As mesmas xentes solidarias e civilizadas que colaboran e empatizan coas familias, tentan ás veces tomaren a xustiza pola man e linchar a persoa asasina. Sen agardar por un axuizamento legal, aquel que lle fora negado á muller do poema de Rosalía de Castro que adoptou tal medida.

Acusamos porque nos consideramos libres de culpa e lanzamos a primeira pedra. Temos a certeza, porque así nolo aseguran os nosos sentimentos e a nosa razón, de que nunca cometeríamos un acto semellante. Porén, cando non se nos ocorre algo diferente da vinganza, da Lei do Talión, o ollo por ollo e o dente por dente, algo de asasinos albergamos nos nosos instintos máis primarios.

Fronte aos que estes días, cunha rabia xustificada, lle berraban á presunta -xa non tan presunta- culpábel da desaparición e morte do neno, medra a imaxe miúda e dorida da nai, Patricia Ramírez, a pedir sensatez e non violencia. Sen dúbida unha verdadeira pacifista, próxima ao Gandhi que declaraba: "A humanidade é unha familia única e indivisíbel, eu non podo desligarme da alma máis cruel".

Porque acontece que, aínda que a maioría sexamos hoxe Gabriel e a súa familia, tamén poderiamos ser Ana Julia Quezada. O filósofo e teólogo Luigi Shiavo advírtenos: "O suxeito non é un ser definido dunha vez por todas, senón en constante devir".

Hai persoas crueis de nacemento -reviradas, diría unha falante enxebre-, como as hai bondadosas desde o berce. Secasí, a teoría do criminal nato que defendera no seu tempo Cesare Lombroso, carente dunha verdadeira base científica, levaríanos ás súas mesmas conclusións: "En realidade para os criminais natos adultos non hai moitos remedios: é preciso ou ben secuestralos para sempre, nos casos dos incorrixíbeis, ou suprimilos cando a súa non corrixibilidade os volve perigosos". Daquela, cadea perpetua ou pena de morte.

O médico e criminólogo italiano, na práctica, non considera outros factores, que tamén enuncia, relativos á criminalidade: o clima, o grao de civilización, a instrución, a alimentación, o alcoholismo e a relixión (léase, se é o caso, a ética porque a (re)educación crea unha segunda natureza.

Arestora morren de fame ou de guerra moitas criaturas coma Gabriel. Tal o do neno almeriense, os seus sorrisos conxelados interpélannos. Por que non berramos?

Comentarios