Opinión

O eco dun berro

CORENTA E SETE no momento en que escribo, mais ben se sabe que estas cifras nunca son as definitivas. Se falásemos do mundo enteiro, en vez de referírmonos ao Estado español, a estatística sería imposíbel de facer porque a ringleira de mulleres asasinadas por homes pérdese na néboa cando o illamento e os costumes ancestrais lexitiman tanta barbarie.

Corenta e sete aquí, a piques de rematar este 2018, vítimas das súas parellas, exparellas ou depredadores sexuais que non acadan sequera o grao de homínidos polo seu comportamento.

Querería dicir os seus nomes -os destas mulleres- e tamén os das outras que, desde o 2003, ano que marca o inicio da conta, se achegan ao millar. Porén, soamente podo sumar o meu berro a ese coro de berros que se fan un só no eco.

E pregunto -pregúntome- cal é o seu poder, cal a súa capacidade para quebrar o xeo da indiferenza que, malia as declaracións e protestas de rexeitamento, xace baixo a ausencia de auténticas medidas.

Non son tan inxenua como para pensar que o machismo exacerbado, pai deste tipo de violencia, se pode erradicar da noite para a mañá. De calquera maneira, o individual aliméntase do que sobrevive nas estruturas de poder de toda caste. Destas, as que dependen do Estado, non poden ser mornas nos asuntos de igualdade e, moito menos, funcionar como tabiques movíbeis a capricho do goberno que toca.

Certo que moitas das vítimas non denunciaron previamente, pero é certo tamén que bastantes das que denunciaron non correron mellor sorte. Algo falla a maioría das veces en que un suceso deste tipo sementa dor e desamparo.

O recente asasinato de Laura Luelmo talvez non tería acontecido se se establecese algún tipo de vixilancia sobre o seu agresor.

Acaso ninguén sabía que se trataba dun desalmado sen escrúpulos? Dirán que a lei non permite ou non contempla estes seguimentos, que se precisarían moitos máis medios dos que se dispón, que isto ou o aquilo. Secasí, a verdade é que se se tratase doutro terrorismo -este tamén o é- non se escatimarían recursos.

Gustaríame ver como, os que denuncian e condenan agravios á bandeira ou ás crenzas relixiosas, poñen tamén a súa sensibilidade ao servizo dos dereitos das mulleres. A miúdo, casualmente, son os mesmos que enchen a boca deostando a Lei contra a violencia de xénero, esa que quererían derrogar.

Este non é un problema das directamente afectadas, senón da Humanidade. Así o entenden os homes de ben, todos fillos de muller sexan ou non pais, irmáns, noivos, esposos ou amigos.

Oxalá que o 2019 resulte menos fecundo nestas traxedias evitábeis que o ano que remata.

Elas non volverán, mais o seu sangue clama desde a outra beira.

Comentarios