Opinión

O si e o non: ser e non ser

De novo acudo a un postulado da lóxica tradicional, o que afirma que unha cousa non pode ser e non ser ao mesmo tempo baixo o mesmo aspecto. É o principio de non contradición, tamén chamado de contradición. Hai que recordalo para constatar até que punto a verdade está ausente dos razoamentos dunha parte dos distintos candidatos e candidatas. Canto maior é a verborrea, máis longa é a sarta de falacias coas que pretenden seducir aos electores ou electoras pouco informados ou indecisos.

Algúns mitins, lonxe de expoñer programas, son discursos impresionistas cargados de visceralidade, exhibicións de maledicencia para solapar a falta de argumentos. Semella que o único motor de certos oradores é o "calumnia, que algo queda" ou a máxima goebbeliana: "unha mentira repetida adecuadamente máis de mil veces convértese nunha verdade".

O ton dos meses de precampaña fainos presaxiar a virulencia que traerá consigo a procura do voto. Como o voto é libre e secreto, cadaquén votará o que lle pareza mellor.

De calquera maneira, eu nunca acreditaría nos que din que defenden a vida e propoñen que todo o mundo poida levar armas por se se dá o caso de ter que usalas. Os mesmos que se emocionan co cuplé que estreara Lola Montes e que Millán Astray mandou reconverter en marcha militar, 'El novio de la muerte', a cuxo son desfilan os lexionarios en Málaga portando un Cristo, a xuntar a espada coa cruz, cousas ben antitéticas. Os que queren derrogar a Lei Contra a Violencia de Xénero malia tantos feminicidios. Os que seguen a entender que a lingua é compañeira do imperio e, daquela, queren borrar do mapa as que temos como propias quen defendemos a nosa diversidade e a dos outros.

É certo que, nun Estado non confesional, ningún político debería acudir a actos relixiosos en representación oficial, mais non é menos verdade que, como calquera persoa, ten dereito a asistir a título particular aos cultos da súa relixión. Do mesmo xeito que non se poden impor crenzas e prácticas a elas ligadas, tampouco se poden perseguir. Eu nunca acreditarei nos que fan mofa destas cousas, nun malentendido ateísmo activo.

Confeso que me arrepían todos os fanatismos e que, se de extremos se trata, elixo o extremo amor á terra enteira e á xente que a habita. Porén, como na práctica non poderei demostrárllelo e sáeme gratuíta esta declaración, só digo Galiza. Galiza libre de ser, aberta á humanidade que peta na porta, a que ten nomes propios e as mesmas necesidades ca nós: paz, pan e casa.

Acreditarei, xa que logo, nos homes e mulleres que sexan capaces de soñala así, sen complexos. Elixirei a quen non dimite de sermos quen somos.

Comentarios