martes. 21.09.2021 |
El tiempo
martes. 21.09.2021
El tiempo

Palabras río abaixo

Preocúpanos a perda de especies animais e vexetais, o deterioro do planeta e a atmosfera que o envolve; mais a lingua tamén é unha cuestión de equilibrio ecolóxico [...] todas as cousas se poden perder se a perdemos

RÍO ABAIXO, cara ao mar do esquecemento, como as árbores que arrinca o aluvión, como os obxectos sobrantes que mans desaprehensivas botan á corrente. Así as palabras cando desertamos de todas as que soen a nós e nos adherimos ás de fóra.

Oxalá coñecésemos moitos máis idiomas para entendermos que cada lingua é unha cultura e que cada cultura é un xeito de ver o mundo. Onde o mundo se chama Galiza, cómprenos o galego e, se o descoñecemos, estamos a empregar lentes que non se axustan á nosa graduación.

Pronto comezará o curso escolar e, posibelmente, han ser moitas e moitos estudantes os que non queiran ‘perder’ o tempo na aprendizaxe das chamadas linguas mortas, tan importantes para entendermos a historia das palabras e o seu significado. O mesmo no ámbito científico que no das letras, quen saiba un pouco de grego e latín, terá moito adiantado para comprender o léxico específico, alén do xeral. 

Os nomes científicos de plantas, animais, doenzas e outros saberes, case todos con lexemas cultos, encerran xa de seu algunha característica ou propiedade do que nomean, de aí a facilidade para recordalos.

A miúdo lese na prensa ou escóitase noutros medios falar de diatribas entre contrincantes varios. Confunden as pelexas verbais, os diálogos irados, os tons violentos de dobre dirección, cos discursos descualificadores, emitidos por unha soa persoa. Se tivesen coñecemento das Catilinarias, aquelas catro intervencións de Cicerón no senado contra o aspirante a cónsul e traidor Catilina, saberían o que é unha diatriba, filípica, invectiva ou mesmo catilinaria. Quen non tivo que escoitar algunha? O termo é común para o galego e o castelán. 

Cando acho unha persoa nova cun bo nivel de comprensión verbal, alédome e acéndeseme a esperanza como unha candea. Porén, adoita apagarse pronto á vista do panorama xeral. A sensación é a de falar con xordos, a sentir a dificultade de comunicármonos. Malia saberen agora máis linguas que xeracións anteriores, dificilmente poderán entrar en matices ou sutilezas en calquera delas a causa de ignorar a propia. A propia é o punto de apoio da panca que pode mover o mundo.

Preocúpanos a perda de especies animais e vexetais, o deterioro do planeta e a atmosfera que o envolve; mais a lingua tamén é unha cuestión de equilibrio ecolóxico. Se ao principio foi o verbo, a palabra, e todas as cousas foron feitas por ela, tamén todas as cousas se poden perder se a perdemos.

É frecuente considerar útiles soamente os coñecementos técnicos, máis directamente relacionados coa produción de tecnoloxías destinadas á industria. Á fin semella que o único que nos interesa é o verbo ter. Mellor nos iría co ser.

Palabras río abaixo
Comentarios
ç