Opinión

Perlas de alcalde

AÍNDA QUE non entendo moito de perlas, a miña información dáme para recordar que as hai naturais e cultivadas. Entre as últimas, están as do mar do Sur ou australianas; as de Tahití, na Polinesia; as de Akoya, en Asia, todas de augas salgadas. As Freshwater, en troca, prodúcense en auga doce, dentro de mexillóns en ríos e lagos de China e Xapón. En todo caso, non as hai que confundir coas artificiais, como as "majóricas", feitas de vidro ou de ámbar recubertos.

O que non consigo saber é entre cales debo clasificar as perlas de alcalde. Sáenlles de dentro e sonlles connaturais? Cultívanas? Son puro artificio? Ben se sabe que a maioría das ostras non teñen perlas. Do mesmo xeito, unha parte considerábel de alcaldesas e alcaldes non as emiten. Mais das bocas dalgúns supostos servidores públicos, saen verdadeiras doas brillantes, dunha calidade que as fai merecentes de seren ensartadas no colar da asneira ousada, que é a peor das asneiras.

Vou deixar á parte aqueles que, empoleirados na súa cadeira, tratan, mesmo aos que lles deron o voto, como súbditos. Carentes de boas maneiras, non abandonan a súa posición e manteñen a quen se entrevista con eles todo o tempo de pé. En vez de dar solucións, póñenlles atrancos e fan complicados os que son trámites rutineiros. Supoño que avasalan para dárense importancia.

Manuel María escribiu sobre un personaxe desta catadura, don Capitón. Coido que se inspirou nun mandatario dos tempos de Franco. Porén, hai bastantes don Capitón, que son todo menos servidores da xente, repartidos polos diversos despachos e oficinas.

É paradigma de políticos ignorantes Pich i Pon, analfabeto que chegou a ser senador electo e alcalde de Barcelona un curto mandato en 1935. Xogou un importante papel en Esquerda Republicana Radical. Viu frustrada a súa carreira política por un asunto de estraperlo. Dicía "luz genital", "Tirano de Bergerac", "entramos en plena calígula". Paranomasia, palabras foneticamente próximas, mais doutro significado. Pich i Pon tiña sentidiño e, curiosamente, preocupábase pola cultura. Non é o caso de moitos actuais.

Coñecín un do franquismo que se negou a instalar no campo da feira unha parada de inseminación artificial de vacas porque, segundo el, prohibíao o Papa.

Non é preciso ir tan atrás. Lembren aquel que dixo das vítimas da ditadura: "algo farían".

Óscar Medina, alcalde de Torrox, o concello de Málaga de actualidade por mor dun crime machista, congratulouse de que, mercé a iso, o nome do lugar estivese presente nos medios.

Sería contar e non parar. Os votos non cambian as cabezas e, se o fan, é para peor. Deputados, alcaldes, (xuíces!): ostras perlíferas.

Comentarios