Hai xa ben anos, ía no ascensor cunha sobriña á que lle debo moitos momentos inesquecíbeis. Tiña sete ou oito anos e subira tamén unha veciña, xa moza, que se dirixiu a ela cun ton tan vivaz e contento, que á pequena lle debeu parecer excesivo. Para a miña vergoña, parodiando o seu ton, espetoulle: "Que alegría, que alboroto, un perrito piloto".
Pensei que se trataba dunha das moitas rimas que adoitaba facer a nena, sobre todo a partir doutras que ía aprendendo, e morreu o conto. Só tempo despois souben que procedía das tómbolas e era, con leves variantes, un dos xeitos de animar ao xogo.
Por aquí non é a primeira vez que soa esta cantilena. Só alguén tan pasmona coma min poden non sabela de memoria. Por iso é estraño que non a canten corais polifónicas, dúos, tríos, cuartetos, octetos, bandas, rapeiros e até monxes en impecábel canto chan ou gregoriano, exultantes diante da noticia que, ao abeiro do Nadal, se nos entregou envolta en papel dourado para pendurar da árbore, un eucalipto, claro. "Que alegría, que alboroto, nos ha tocado otro perrito piloto!".
"A Xunta declara de interese estratéxico a planta de fibras téxtiles de Altri en Palas de Rei". Tocounos o boleto! Este si que non será un proxecto polo río abaixo como o dos cacarexados floteis e buques que Navantia e Barreras habían construír para Pemex.
Alfombra vermella, xa que logo, facilidades sen límite para que lles sexa máis doado inzar os terreos da especie invasora que non poden seguir plantando na casa os promotores. Licenza para acaparar as limpas augas da Ulloa. Patente de corso para emporcallar máis aínda a atmosfera. Simplificación de trámites e axudas públicas ao dispor da iniciativa. Deixando á parte algunhas vantaxes, tales como a de completar o ciclo produtivo, á fin é unha pasteira como a de Pontevedra. Sempre contra a historia que, teimuda, nos di que é tempo de accións ben diferentes. Non aprendemos nada.
Mentres, nestas datas nomeadamente, escoitamos o testemuño de antigas e antigos alumnos, de fillos de amigas ou familiares, na súa fugaz estadía en Galiza, a afirmar que son competitivos e valorados en empresas e universidades estranxeiras, mais aquí non hai sitio para eles. E é que, en certos negocios de exportación, abofé que nós si somos competitivos.
Quen pode facerlle sombra, á hora de exportar capital humano, ao país que inviste en carreiras universitarias e as pon ao dispor do que as queira, a custo cero? Que dirían dos presidentes dos clubs de fútbol se traspasasen os seus xogadores gratis?
Queremos industrias, mais non estas. Queremos outro premio na tómbola.