NON TODAS as historias disparatadas fan rir. Hainas tráxicas como moitos dos chistes protagonizados por Carpanta, aquel arquetipo da fame creado por Escobar para Pulgarcito na posguerra. En algures lin que tería un precedente en Pete the Tramp unha tira de cómic de Clarence D. Russell que aparecía na prensa nos tempos máis difíciles da Gran Depresión, cun heroe semellante, vagabundo esfameado. E, se acaso nos provocan o riso, é un riso amargo, de corazón negro.
As historias así adoitan deformar a realidade, a xeito de espellos cóncavos ou convexos, mais partindo dela. É precisamente o feito de se incardinar no que existe o que lles proporciona esa carga de humor que ten máis forza comunicativa que a denuncia espida.
Cavilaba nestas cousas a conto da solución que propugna o Club do Rifle nos USA para rematar coas matanzas indiscriminadas (ou discriminadas!) nos centros de ensino. Trátase, á fin, coma sempre, da ambición que non ten en conta as vidas se de gañar cartos se trata.
En troques de razoar que a proliferación de armas é a que propicia os asasinatos, conclúen que é a carencia delas o que anima os potenciais asasinos a cometer crimes, seguros de que non atoparán contestación.
É o que ten pensar coa conta de beneficios e coa prepotencia e agresividade que apertan o gatillo. Posta a esbardallar, ouso describirlles o que se pode ver nunha pequena escola do país do Tío Sam, despois dun ano que aparece borroso en todas as crónicas, de infausta memoria polo gran número de tiroteos, tamén chamados balaceras aló, entre os de fala hispana:
Como, a teor da Segunda Emenda da Constitución dos Estados Unidos., "todo cidadán ten dereito a portar arma", en evitación de masacres, engadíuselle unha emenda á Segunda Emenda, a converter o dereito en obriga para o profesorado e demais persoal dos centros educativos. Velaí vai Mr Smith, venerábel profesor a piques de se xubilar, a impartir a lección de física co seu AR-15, un moderno fusil de asalto. Ségueo Mrs. González, cariñosa e diminuta mestra de educación infantil, cunha perna escaiolada, a usar, a xeito de muleta, un vello Winchester, unha auténtica xoia de familia. E continúa o desfile de armas, como cada mañá, á hora de entrada. Non é cousa de citar todos os portadores e portadoras de obxectos tan propios do ámbito escolar. Acaso non conveña pasar por alto un revólver curto calibre 22 Magnum, curiosamente moi pequeno malia o nome, que Miss Sabatelli só tira do bolso no momento do desfile.
Non hai dúbida: xa nunca correrán perigo. Ai, que eficaz é o carácter disuasorio da artillaría doméstica! Como progresa o mundo!