Opinión

Preguntas para detectar monstros

Nos pesadelos os monstros poden adoptar feituras ben diferentes. Hidras de sete cabezas, como aquela que venceu Hércules no segundo dos seus traballos. Cíclopes con un só ollo na fronte e orellas de sátiro, igual que Polifemo, o que devorou homes de Ulises cos seus dentes tal espadas e foi, á fin, burlado polo heroe troiano. Harpías —mulleres con ás—, daquelas que lle roubaban o alimento ao vello Fineo. Arañas xigantes inzadas de veleno. Minotauros estarrecedores —cabeza de touro e corpo de home—, a semellanza do que venceu Teseo. E non saímos dos mitos gregos nin tampouco os esgotamos. Porén, cada cultura ten os seus e todos e todas son personificacións do medo que os seres humanos fabricamos e padecemos.

Mais os auténticos monstros, os que verdadeiramente nos axexan e nos poñen en perigo, seméllanse a nós e mesmo teñen por veces o rostro que reflicte o espello cando nel nós miramos.

Hai monstruosidades graves e crónicas e hai monstruosidades pasaxeiras e leves. Dada a ‘normalidade’ aparente, é preciso estar alerta e observar os indicios para fuxir do perigo. Como di o Evanxeo, “polas seus froitos os coñeceredes”. 

Neste punto venme á memoria o primeiro gravado da serie ‘Los caprichos’ de Goya, o titulado ‘El sueño de la imaginación produce monstruos’. Sei que hai diversas interpretacións do cadro en que un home, seguramente un intelectual, semella durmir debruzado sobre un escritorio, cuns papeis e unha pluma á súa beira. Nun costado da mesa, figura a inscrición que dá nome ao cadro. Arredor, pousados ou voltexando, morcegos, curuxas e outros animais un tanto esperpénticos. 

Quixo dicir o pintor que, se a razón dorme, comeza o imperio dos monstros? A frase e o cadro son o bastante ambiguos como para ser asemade polisémicos; mais é este o significado que máis me convence.

Á luz da razón debemos facernos algunhas preguntas: É racional impoñer un credo relixioso ou político? Non ten a ética uns principios universais, tales como o respecto á vida e á liberdade? Pódense gastar máis cartos na guerra que en erradicar a fame? Alguén nacido de muller ten dereito á impunidade ou a erixirse pola forza xefe supremo dun Estado? É remotamente humano pecharlle as portas a quen pide asilo porque foxe de guerras e fames? Como se chama o feito de negar evidencias coma o cambio climático ou a violencia machista? Que cousa é acumular fortunas incalculábeis a custa da miseria allea? Quen é máis que outra ou outro pola cor da pel?

Se alguén responde desde a escuridade e a superstición, abofé que está a parir monstros. Se alguén o fai exclusivamente desde a razón, sen empatía, quizais tamén. 

Comentarios