Opinión

Promulgar, promulgarei

OS QUE queren que as augas da historia volvan río arriba, mandaron un seu preclaro representante, como quen manda un aperitivo das eleccións que se achegan, para preparar o gran ágape. A verdade é que o expresa moito mellor ca min Miguel Olarte nos titulares da crónica deste acontecemento: «Ortega arenga a la tropa de Vox Lugo de cara a la batalla de las autonómicas». E é que hai un tufo de militarismo tan rancio arredor desta formación política, que resulta inevitábel evocar a guerra.

As teimas do tal partido, pregoadas polo seu secretario xeral, afumaron o Pazo de Feiras de Lugo: derrogar as leis que atinxen á violencia machista e á memoria histórica, acabar co Estado das autonomías e outras perlas do pensamento máis retrógrado.

Calquera demócrata ten que lles recoñecer o dereito a existir, mais sempre que se movan no marco da Constitución e a lexislación vixentes. Ou é que iso soamente obriga aos partidos de esquerdas e/ou nacionalistas? Claro que poden aspirar a cambialas, tanto uns coma outros, de xeito pacífico, que é como as persoas civilizadas estamos obrigadas a facer as cousas. Quen queira mercar o paquete de medidas que ofrecen, non ten máis que exercer o seu dereito ao voto. Quen non gustamos delas, tamén.

A presidenta do partido verde en Lugo (oh paradoxo, eles que, polo que escoitei, negan o cambio climático), dona Sonia Teijeiro, fixo unha serie de denuncias verdadeiramente dignas de seren glosadas e tamén, con perdón, golsadas.

Seica, nos institutos da cidade, profesores dixeron que, tras o 28 de abril, xa había 2,7 millóns de fascistas en España. Vaia, puxéronse de acordo para anunciar que da noite para a mañá, como por xeración espontánea, se producira tal prodixio. Dito doutro xeito, que é primeiro, a galiña ou o ovo, os votos ou os supostos fascistas?

Tamén se lamentou de que neses centros se admitía propaganda afín ao Bloque, se ía contra o capitalismo alegando que mataba o planeta e non se promulgaba o amor a España. E cal será esa propaganda? E logo non é certo que a voracidade do capitalismo é a maior culpábel da contaminación? Entre o capitalismo e o comunismo non haberá outra cousa? Pódese promulgar o amor? Ou Galiza non é España, ou amar a Galiza tamén é amar España e o mundo, empezando polo próximo. É amar Galiza ese odio visceral ao galego? Non se impón o galego, impúxose o castelán (e aínda o castrapo). Proba do que digo pode ser o apelido Teijeiro que en castelán non existe, sería "bosque de tejos". Sen dúbida é galego e é Teixeiro. A Lei de Normalización Lingüística (1983) é anterior á chegada de Fraga (1990).

Quixen que o dito non leve acritude. Ou si?