Opinión

Que non nos rouben o criterio

Sospeito que a palabra criterio avellentou por falta de uso. Quen non a coñece non a bota en falta; quen non posúe normas ou elementos que lle sirvan para xulgar algo, é dicir, criterio, tampouco. Saben do seu significado persoas e institucións de diversa índole que se queren apropiar da nosa liberdade e discernimento porque, sen eles, somos pulchinelos cuxos fíos moven ao seu arbitrio. 

Como se explica, se non, o éxito electoral de certos personaxes e ideoloxías que non benefician precisamente a quen os vota?  De onde nos vén a persistencia en erros e condutas destrutivas de toda caste? Quen invoca a tradición para perpetuar mil e un atropelos á vida e á humanidade?

Cómpre o pensamento único, o rabaño ben compacto e obediente, para que a estupidez sexa elevada á categoría de verdade universal. É así como podemos comungar con rodas de muíño, cunhas tragadeiras sen límite.

Asústame pensar que o meu criterio, a miña liberdade de pensamento, poida ser manipulado por outros ou outras. Porén, asústame máis a posibilidade de manipulalo eu mesma en aras de agradar, de non molestar, de me homologar cunha mal entendida corrección política.

Seica hai que respectar as ideas alleas, o criterio dos outros. Depende. Hai criterios que non sempre son respectables. As persoas que aman os touros (co mesmo gusto que as vacas, advirte a brincadeira) pasan por alto a dor do animal e xustifican as torturas co argumento de que, se non fose polos festexos taurinos (festexos para quen?), desaparecerían tan nobres e valentes animais.  Os mortos, mortas e feridos en encerros e prazas deste verán, non deixan de ser a triste xustiza poética do hastado.

Tería que dar por correctas tamén, verbi gratia, as estratexias dos partidos que sacrifican o ben común en aras do éxito electoral; mais négome. É difícil de aturar tanto cinismo, mentira e falta de ética. Disque o hugonote aspirante a rei de Francia que, para conseguir o trono, se converteu ao catolicismo, non pronunciou a frase que se lle atribúe: «París ben vale unha misa». Non escoitaremos nada semellante por estes pagos (ou si), mais acontece. As emendas á totalidade do propio discurso están á orde do día se se trata de dificultar o exercicio de goberno. Xa se sabe que a verdade, como o pensamento,  é agora líquida e adáptase,  polo seu estado, ao recipiente que a contén. O recipiente, é obvio, chámase conveniencia e ambición.

John Lennon, o Beattle máis carismático, advertiunos de que sempre se impuxo o criterio dos que non teñen criterio e o gusto dos que teñen mal  gusto. Urxe, xa que logo, guiarnos polos nosos. Secasí, antes teremos que examinalos

Comentarios