Opinión

Os que rachan as vestiduras

Non sei se coñecerán as xeracións futuras o significado da expresión que emprego no título. Os xudeus rachaban as vestiduras e mesmo deitaban cinsa sobre a cabeza para mostrar a súa dor pola perda dun ser querido. Seica este mesmo ritual denotaba tamén, en determinados casos, contrición, arrepentimento. Nós, co de rachar as vestiduras, referímonos ao escándalo e indignación que provoca algún feito.

A miúdo hai hipocrisía neste proceder e isto é obxecto de denuncia no libro de Xoel 2,13: "Rachade o voso corazón e non os vosos vestidos". 

Diante do sucedido en Baleira hai anos,  dado a coñecer estes días, venme á memoria a tal cita bíblica. Andamos a rachar as vestiduras, a proclamar a monstruosidade das persoas que, nunha méchanceté à trois, perpetraron reiteradamente o seu execrábel delito. (O de méchanceté à trois, quere ser un calco do termo psiquiátrico folie à trois, trío de loucura, mais substituíndo esta por malicia ou, aínda, maldade). Porén, o que cómpre é rachar o corazón, a nos poñer no lugar da que hoxe xa será unha rapaza a procurar o camiño, se non da desmemoria, si da superación. Porque —non podo imaxinar un desatino máis nesta longa cadea— alguén lle explicaría á vítima que tres descerebrados non lle poden furtar o futuro que merece. 

A teor disto, velaí algunhas preguntas: 

Non hai culpábeis in vigilando?

Xustifícase que, tantos anos despois, por moito que se intente ocultar o seu nome, a pobre criatura teña que pasar por este xeito de exposición pública e rememorar un capítulo tan doloroso do libro da súa vida?

Quen perverteu os pervertedores? Non acreditamos, ao xeito de Rousseau, na bondade natural do ser humano. Tampouco na maldade. En todo caso, confiamos nesa segunda natureza que é a educación. Quen educa sexualmente os nenos e nenas, rapaces e rapazas, se o seu contorno próximo non quere, non sabe ou non pode facelo? Decátanse as organizacións e partidos políticos que se opoñen a este contido nas aulas de que, gústelles ou non, a miúdo están deixando o labor  en mans das páxinas pornográficas que proliferan por toda a parte? Adoutrinamento, din, a confundir ignorancia con inocencia, mala información con liberdade.

En canto á lei, se teñen que reformala, que a reformen, sempre en procura da finalidade que debe perseguir. Como reza o adaxio, "non hai máis candil que o que aluma". Este semella estar orientado a iluminar a  saída dos malfeitores, non a das vítimas, malia que a intención fose diferente.

Neste caso, como en moitos outros,  cómpre acudir a Hannah Arendt para  explicarnos a banalidade do mal. 

Comentarios