Opinión

Quen matou a Giordano Bruno?

Ía titular esta columna cunhas palabras da canción que deu nome á agrupación musical Fuxan os Ventos, tan presente no 2022 por mor do seu medio século de vida. A letra, de Xesús Mato, autor tamén da música, di no retrouso: "Fuxan os ventos dos agoireiros". 

Ao pensar nestes, nos agoireiros, lembrei aquel filósofo, matemático, teólogo, astrónomo e poeta italiano chamado Giordano Bruno ( Filippo Bruno) a quen a Inquisición declarou herexe e, como consecuencia, foi queimado vivo polas autoridades civís de Roma. Non entrarei en detalles, porque é difícil imaxinar crueldade maior e doado ferir sentimentos, mesmo os daquelas persoas cun limiar alto de sensibilidade. Só quero recordar que no proceso andou por medio o cardeal Roberto Belarmino, o mesmo que había estar presente despois na condena a Galileo Galilei. (Pregúntome que motivaría á Igrexa para canonizar ao tal Belarmino en 1930).

Giordano Bruno non tiña medo a pensar e razoar libremente. Ousou dicir que a terra xiraba arredor do sol e que este era unha estrela máis dun universo infinito no que, loxicamente, había moitos mundos habitados. Pola súa teoloxía, foi acusado de panteísmo. 

Mais Giordano Bruno non era un profeta de calamidades, senón todo o contrario. Catrocentos vinte e dous anos despois da súa morte, esta súa recomendación cobra especial sentido: "Dálles unhas labazadas a todos os adiviños, profetas, agoireiros e prognosticadores". E aludiu ao raciocinio fronte a unhas crenzas opostas á ciencia, tomadas da interpretación literal da Biblia, así: "Non importa canto de escura sexa a noite, agardo a alba, e aqueles que viven no día agardan a noite. Daquela, mantente íntegro se podes e devolve amor por amor". 

A Giordano Bruno, como a tantas e tantos, matárono a intolerancia e o dogmatismo, en nada diferentes dos que están a practicar, por exemplo en Irán, uns barbados sen alma, os talibáns, coa súa expeditiva "garda da moralidade", a deles, claro. 

Para que estes elementos floreasen, abondou co descontento social e mais coa relixión esgrimida como espada flamíxera. Todos os males serían castigo divino e só a obediencia a aqueles clérigos tería o poder de lle parar o brazo á súa ira.

Aquí temos talibáns. É doado detectalos seguindo a adxectivación de Giordano Bruno: adiviños, profetas, agoireiros dun non-futuro se non son eles os que están na torre de mando, se a súa música non marca o baile unánime do imperio.

O optimismo é o único que nos pode salvar da noite. Non fagamos vasoiras para varrela, fagamos fachos para iluminala. Así veremos canta culpa teñen nos males os que os anuncian. 

Sexa, pois, de luz o 2023.

Comentarios