domingo. 16.01.2022 |
El tiempo
domingo. 16.01.2022
El tiempo

Réquiem por nós

NON VOU entrar en estatísticas. Hoxe, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, hánnolas fornecer desde todos os medios. A ONU, que institucionalizou a efeméride, cualificou esta violencia de pandemia. En verdade que o é, porque se estende polo mundo enteiro e alcanza a todos os estratos sociais.

Requiem por nós, mulleres e homes, porque máis de media humanidade corre perigo de morte polo simple feito de pertencer ao xénero feminino. E non falo de sexo, senón de xénero, esa construción social na que hai moitas mulleres atrapadas porque o ichó (trampa para coller pequenos animais) foi deseñado por homes.

Así, o ser de muller asóciase coa submisión, a dependencia afectiva, a abnegación alén dos propios límites, a debilidade, etc. Resumindo: a autoinmolación no altar do deus e señor da casa, do traballo ou de calquera espazo compartido en desigualdade. Isto, naturalmente, en contextos machistas que, por desgraza, son maioría en certas culturas e seguen presentes na nosa cando, en troques de avanzar, volvemos ás cavernas.

Requiem por nós, un nós que comprende a uns e outras, por sermos, sen excepción, fillos de muller e morrermos un pouco con cada morte provocada polos homes hiena, machos do demo, criaturas cretinas .

Unha muller é afecto, mais tamén intelixencia e vontade. Vontade de ser ela mesma, de se mirar no propio espello e non nos ollos de quen a maltrata.

Unha muller é vida que se reparte, non futuro que se rabena.

Non nego que hai algúns homes maltratados, que mesmo hai casos de asasinatos levados a cabo por mulleres. Existiron e existen envelenadoras , parricidas e asasinas de toda caste. Porén, o maltrato ás mulleres é estrutural. Estrutural referíndonos á estrutura profunda, esa que emerxe, como a lava dun volcán que entra en erupción, malia as leis que, na teoría, nos fan iguais a mulleres e homes.

Porque moi poucos nesta sociedade e tempo se atreverían a defender a desigualdade e os malos tratos. Pero a desigualdade e os malos tratos existen.

Antes do desenlace máis tráxico, da caída desde a torre da ignominia, o asasinato, vanse subindo os banzos da escaleira, esas cousas pequenas en aparencia que, cando as denunciamos, adóitannos valer o apelativo de feministas rancias ou, aínda, feminazis.

Non deixa de ser revelador o feito de que, mesmo mulleres, declaren o seu non feminismo. Confúndese o que é defensa da xustiza -a igualdade de dereitos- con certos extremos que me atrevo a definir como androfobia, fobia aos homes. Non é preciso repetir que machismo e feminismo non son caras dunha mesma moeda. Unha cousa é impoñer desigualdade e outra ben diferente reclamar o dereito a ser e existir como persoas completas.

Réquiem por nós
Comentarios
ç