Opinión

Rosalía e María Konopnicka: paralelismos

Non sei que peso ten a memoria de María Konopnicka (1842-1910) na Polonia actual. Vista a violación crecente dos dereitos humanos das mulleres, semella que, polo menos os gobernantes, non a teñen moi presente neste aspecto. 

No século XVIII, o reparto do territorio entre Rusia, Prusia e Austria tivo como consecuencia a substitución da lingua polaca polo alemán ou o ruso, segundo os espazos. Concretamente, nunha parte que hoxe é de Ucraína, triunfou o ruso. A loita de Konopnicka non foi en balde, porque o polaco é a lingua oficial do seu país; lingua na que escribiu contos para a infancia cheos de maxia e relatos realistas de contido social, entre outros.  Así mesmo publicou poesía de temática diversa (lírica, descritiva, de denuncia, patriótica), ensaios de arte e literatura e traducións do francés, italiano, alemán e checo ao polaco. 

Avatares políticos, xunto coa separación do seu home,  levárona por varios países do leste e centro de Europa. Finou en Leópolis (Ucraína), aos 68 anos. Tivera oito fillos, dous morreron nada máis naceren. Unha organización patriótica doáralle unha casa para acoller a súa  numerosa prole e escribir.

O poema máis coñecido da autora é Xuramento (Rota en Polaco). Velaí algúns fragmentos: "Non abandonaremos a terra da que vimos. / Non deixaremos que o noso discurso sexa enterrado. / (...) / O alemán non nos cuspirá na cara / nin xermanizará os nosos fillos". Non é casual que fose unha das promotoras da protesta internacional por seren castigados os nenos que contestaban nas aulas de relixión en polaco e se negaban a facéreno en alemán. Era fondamente cristiá, mais anticlerical.

A súa contemporánea galega, Rosalía de Castro (1837-1885), autora dunha obra aínda non ben lida e ponderada, viviu vinte anos menos e tivo tamén sete fillos dos que un morreu de neniño e a derradeira naceu morta. 

Foi, igual que a polaca, unha gran defensora das mulleres, patriota galega  e, tamén coma ela, cristiá non ortodoxa.

Sábese que pasou mil penurias, mesmo fame. Escritora profesional, traballou o propio horto nos seus últimos anos e recibiu axuda de emigrantes galegos na Habana. Xa se sabe que co ‘turnismo’ dos gobernos, Manuel Murguía, o seu home, quedaba cesante a miúdo.

Nin sequera tiña casa de seu. Si, só 86 anos despois de morta. 

Rosalía de Castro endexamais dimitiu do seu amor e defensa de Galiza, o que reloce de novo en ‘En las orillas del Sar’, o seu derradeiro libro (1884).

Só unha notábel diferenza entre ambas nacións: Os polacos querían ser polacos. E os galegos? 

A resposta tócanos a nós.

Comentarios