jueves. 03.12.2020 |
El tiempo
jueves. 03.12.2020
El tiempo

Segredos que non se enterran

Afirmou Racine, o dramaturgo neoclásico francés, que non hai segredo que o tempo non revele. Pola súa parte o irlandés Bernard Shaw (1856-1950), tamén dramaturgo amais de xornalista, consideraba que non hai segredo mellor gardado que aquel que todos coñecen.

Se ambos asertos case sempre se cumpren, no segundo caso moito máis cando se vive nun réxime fascista, porque sementa medo e cala as bocas.

Quen isto escribe, a finais dos anos sesenta, en Salamanca, pasaba decote por diante da casa de Miguel de Unamuno, na Plaza de las Úrsulas, camiño da Pontificia. A estatua, obra de Pablo Serrano, que lle acababan de erixir alí ao escritor por subscrición popular, recordábame desde os pregues angulosos da súa roupa talar a papiroflexia que el practicaba e bautizara como "cocotoloxía". E eu pensaba nos seus momentos derradeiros cando, segundo contaban, un infarto fulminante o sorprendera no seu arresto domiciliario, a carón do braseiro.

Un día de defuntos, coñecín a súa tumba, un nicho de parede cuns versos do seu poema Salmo III, a xeito de epitafio: "Méteme, Padre eterno, en tu pecho,/ misterioso hogar./Dormiré allí , pues vengo deshecho/ del duro bregar".

Efectivamente, o autor de El sentimiento trágico de la vida, á marxe do seu sentimento agónico da existencia, dos seus combates interiores, do voitre que o devoraba, arrepentírase nos últimos tempos de ter apoiado inicialmente a intervención do exército. Fixérao na convicción de defender a España dun dominio exterior e en aras de manter a civilización occidental cristiá, mais a deriva que tomaran as cousas causáballe espanto. E non calou.

O 13 de novembro chegará aos cines o documental Últimas palabras para un fin del mundo, de Manuel Menchón. Lonxe da versión oficial que ocultaba a realidade, este filme, ben documentado, cadra moito mellor coa lóxica do que estaba a acontecer. Todo apunta a que a morte do filósofo e membro da xeración do 98 foi un asasinato perpetrado polo sanguinario fascista Bartolomé Aragón, derradeira persoa que o viu vivo. Simulara ter sido o seu alumno e esta falsidade é un argumento máis na hipótese dunha morte aleivosa.

Deixando á parte as verdades e os mitos verbo do discurso de Unamuno no paraninfo da universidade salmantina, o 12 de outubro do 36, con asistencia de Millán Astray e Carmen Polo, o certo é que non lle perdoaban que denunciase a violencia reinante e concedese entrevistas a xornais estranxeiros. Certamente, non era un deles e sabíano.

Así procede o fascismo de toda caste e convén non esquecelo. Por iso é benvido este documental que, 84 anos despois, tenta moverse polos vieiros da verdade.

Segredos que non se enterran
Comentarios