Miércoles. 19.12.2018 |
El tiempo
Miércoles. 19.12.2018
El tiempo

Son lotófagos ou cruzaron o río?

A OS SERES HUMANOS a memoria sempre nos preocupou. Dunha banda, non queremos esquecer porque sabemos que é o único que nos queda do vivido. Doutra banda, seméllanos que, se non tivésemos memoria, tampouco nos magoarían os recordos. Hai quen posúe a capacidade de evocar só o que lle convén; mais non é cousa común porque, como as cereixas dun carabelo, lembranzas felices e desafortunadas enganchan unhas nas outras e saen en acios.

Non é estraño, xa que logo, que a mitoloxía reflicta nos seus relatos crenzas e fabulacións relacionadas con esta facultade.

Os gregos falaban dun río, o Lete, situado no Hades, cuxas augas ao bebelas provocaban a total desmemoria. De até que punto estaba vixente a crenza entre os romanos fala o episodio das hostes de Décimo Xunio Bruto que, na conquista da Península, se negaban a atravesar o que consideraban río Leteo ou do Esquecemento (talvez o Limia). Só a valentía do xeneral, cruzando el primeiro e chamando a cada un polo nome desde a outra beira, puido co mito.

Hai na Odisea un sucedido, o dos comedores de loto ou lotófagos, que tamén xira arredor do mesmo asunto. Volvendo a Troia, as naves de Ulises e os seus homes foron levadas polo vento a unha illa do nordeste de África. Os seus habitantes mantíñanse con lotos e, como consecuencia, perdían a memoria, cousa que tamén lles aconteceu a algúns dos troianos que tiveron que ser rescatados para seguiren camiño a Ítaca.

Deixando á parte que co nome de loto se podían designar varias plantas, entre elas o chamado trigo de Zeus ao que se lle atribuía o efecto de borrar a memoria, interesa saber que vivían felices, deitados na praia, sen recordos próximos nin remotos.

Lembrei estas cousas ante a ineficacia do goberno á hora de resolver os problemas ocasionados pola neve na A-6. Como se se tratase dunha película, desfilaron nunha pantalla irreal as imaxes do Señor Presidente, daquela líder da oposición, a pedir que dimitise a ministra Magdalena Álvarez. Era o ano 2009 e o aeroporto de Barajas tivera que cerrar cinco horas. Se non fose polas hemerotecas, poucos o recordarían.

Se cadra tampouco o recorda don Mariano e as persoas que o rodean. Neste caso, como noutros moitos tamén públicos e notorios, semellan estar felices, non na praia, senón nas súas poltronas, nesa especie de nirvana que produce o verse libre das penurias do vulgo.

De como se chega a ese estado, en non sendo extraterrestres, só se explica cun dos mitos antes citados. Ou cruzaron o río do esquecemento, ou son lotófagos. O malo é que a lotofaxia pode dar en antropofaxia porque non permite distinguir os seres humanos das flores.

Son lotófagos ou cruzaron o río?
Comentarios