Opinión

Teñan fillos (se poden)

NINGUÉN informado ignora que o maior problema de Galiza é a imparábel perda de poboación. O diagnóstico está feito hai ben anos, mais o tratamento non chega nin semella que vaia chegar a tempo. E é que, no canto de atacar a raíz do mal, póñenselle ‘tiritas’.

Porque iso son, e non outra cousa, os cen euros ao mes (coido que un máximo de tres anos) que paga a Xunta por cada criatura nada despois de 2016. Supoño que non chegan nin para cueiros. Desde logo que para a gardería case hai que multiplicar por tres esa cantidade.

As parellas en idade fértil, ademais de se enfrontar co dilema de emigraren ou ficar aquí con soldos de miseria, teñen que retrasar o reloxo biolóxico que sinala a hora máis conveniente para procrear. Manda a imposibilidade económica e/ou o mantemento do posto de traballo.

Moitos despedimentos, aparentemente legais, non son outra cousa que a penalización ás traballadoras por teren fillos, labor que, de momento, non poden suplir as máquinas. Aínda que todo chegará, porque seica andan niso algúns investigadores. Porén, é mágoa que non dediquen os seus esforzos a causas máis urxentes. Sospeito que os meses que permanecemos no ventre das nosas nais, baixo o latexo do seu corazón, humanizáronnos moito máis do que o poderá facer calquera mecanismo artificial, por perfecto que sexa. Pero esa é outra cuestión.

Se existise un proxecto de país, se camiñásemos cara algures, se os nosos recursos non se perdesen polos sumidoiros da ineficacia, cando non da corrupción, talvez outro galo cantaría e a xente nova tería a posibilidade de traballar na propia terra. Ben sei que isto é máis doado dicilo que facelo, mais quen non teña imaxinación para soñar o imposíbel e así achegarse á excelencia, debera absterse de asumir responsabilidades de goberno. Cadraríalles ben a algúns aquilo de ‘Manolete, si no sabes torear pa qué te metes’. Preferiría calquera outro símil porque non gusto de tal espectáculo, pero este venme feito.

«Tourear» significa neste caso sacar os recursos de debaixo das pedras, se for preciso, para ofrecer as axudas sociais necesarias, equiparábeis coas doutros países de Europa, a quen queira ter familia. «Tourear» é explorar e explotar todas as posibilidades produtivas de Galiza sen danar a natureza. Un coñecido político mandáballes facer iso aos seus seguidores, mais o que pedía que tirasen de debaixo das pedras eran os votos. E conseguíanllos por todos os medios. O triste é o que facía con eles despois.

Mentres, o silencio vai enchendo o baleiro das voces que enmudecen sen atoparen eco. Só a terra deshabitada suma soidades e saudades no cómputo das horas.

Comentarios