Opinión

Teñen corazón os ‘cíborgs’?

É desexo de moitas persoas convertérense en ‘cíborgs’, mais por motivos ben diferentes. Un cíborg, por se alguén o esqueceu ou o descoñece, é, simplificando, un ser metade humano, metade robot. Dito doutro xeito, unha simbiose da bioloxía e tecnoloxía. 

O primeiro coñecido foi Neil Harbisson, un home que naceu con acromatopsia, tamén chamada monocromatismo, doenza que impide percibir as cores, agás a branca, a negra e todos os matices da gris. Harbisson ten unha antena no cranio que lle posibilita transformar os sons en cores e viceversa (cousa fundamental para el, que é artista), chamar por teléfono, conectarse a internet e máis facultades. 

Á marxe de ser un camiño para a esperanza polas súas inmensas posibilidades terapéuticas, seica a cibernética asociada ao organismo humano permite percepcións máis amplas, por exemplo ouvir os sons da atmosfera ou converterse nun sismógrafo vivinte. Mesmo se propugna un deseño a medida para ser cadaquén como desexe. É o que chaman transhumanismo. Supoño que isto colidirá moitas veces coa ética e produciranse auténticas aberracións; mais, como advirte o adaxio, non se lle poden poñer cancelas ao mar.

Hai, porén, outro espécime de cíborg non menos perigoso chegado o caso. E chámolle así porque, en efecto, é alguén apegado (en máis dunha das acepcións do termo) a un aparello (móbil, tableta, ordenador) e non por necesidade académica ou laboral, senón por adicción incontrolada. 
Por desgraza, non é único o caso do rapaz de Elche que asasinou os pais e o irmán por lle teren vetado aqueles o uso do wifi. Cando leo noticias así, véñenme á memoria as palabras de Séneca, na VII carta a Lucilio, que lin por primeira vez no Kempis e non me convenceron: "Estiven entre humanos e volvín menos humano". Cando as coñecín no seu contexto orixinal, a miña percepción cambiou. O filósofo estoico referíase ás multitudes bébedas de violencia que ían contemplar e animar as execucións dos reos e as loitas de gladiadores. Kempis fai a súa particular lectura, case un convite á misantropía. 

Misántropo, odiador da humanidade, devén quen non ama as persoas e se encadea a unha máquina. As máquinas non senten nin padecen, por iso non poden dar o que non posúen. O amor apréndese por osmose, a través da pel. O amor móstranos o seu rostro no espello dos ollos dos outros. O amor e a dor, os dous piares da empatía, esa nunca ben ponderada capacidade de sentir cos demais. Non é casual, xa que logo, que estes pobres rapaces e rapazas, se non teñen as cousas claras e os valores no seu sitio, sexan alienados e leven, no lugar do corazón, un disco duro. Moi duro.

Comentarios