Opinión

Trazas de nazismo

Con todo o respecto para as persoas que gustan del, nunca o boxeo foi do meu agrado. Aínda así, por pura casualidade, en 1969 vin en Salamanca a retransmisión televisiva do combate en que unha polémica decisión do árbitro lle deu ao australiano Johnny Famechon o título de campión mundial dos pesos pluma. O seu contrincante fora o cubano nacionalizado español José Legrá. O primeiro, ario, se nos atemos ao concepto hitleriano; o segundo, negro.

As televidentes, máis de medio cento, eramos todas inexpertas por igual naquel deporte, o que equivale a dicir que ningunha sabiamos nada nin das regras do xogo, nin dos contrincantes. Cando se referían ao español —despois decatámonos do erro— a maioría pensabamos no australiano. Todas, incluída unha rica venezolana á que poucos anos antes nos USA lle impediran subir a un autobús reservado para persoas brancas. Era mestiza. Cincuenta e dous anos máis tarde, lembro perfectamente o seu comentario ao coñecer a identidade dos púxiles: "Vaya, vosotros también tenéis negros".

Acababa de se declarar a independencia de Guinea (1968) e, loxicamente, aínda quedaban estudantes africanos nas universidades da península, así que non era infrecuente velos nas cidades universitarias. Mais bastante xente aínda volvía a cabeza ao paso de persoas cunha cor de pel distinta.

Veume á memoria todo isto hai uns poucos día, ao ler nunha rede social os comentarios dun troglodita que dicía non celebrar por igual o triunfo de Ana Peleteiro que o doutros e outras deportistas nados aquí. Para el a atleta de Ribeira non é cen por cen nosa porque o pai é negro. Non lle importa que nacese en Galiza, de nai galega, nin que tamén o sexan os seus pais adoptivos. Certamente, hai cabezas nas que non cabe un concepto elemental, porén grande coma o mundo, a pertenza de todas e todos a unha única raza, a da familia humana. E, se acaso hai que excluír a alguén desta categoría, será a quen o pensamento de ser superior lle faga actuar en contra dos outros. Son as nosas obras as que nos engrandecen ou nos reducen o tamaño ético. Así o entenderon cantos e cantas reclamaron para Ibrahima e Magatte, os valedores de Samuel Luiz, o dereito de residencia e permiso de traballo.

Quen lle diría a Castelao que, próximo a se cumprir un século da publicación de ‘Cousas’ (1926), aínda habería que argumentar en contra do racismo. Un destes breves relatos, ‘O negro Panchito’, é todo un manifesto a prol da igualdade. Ana Peleteiro —dito sen ánimo de descualificar a ninguén— pertence á máis galega das estirpes, a que non desbota herdanza tan valiosa como a que nos deixaron os devanceiros: o propio idioma.

Comentarios