lunes. 25.10.2021 |
El tiempo
lunes. 25.10.2021
El tiempo

Un novo Emilio sen Rousseau

SE PUIDESE elixir un interlocutor doutro tempo, talvez conversase con Jean Jacques Rousseau (1712 – 1778). Tería moitas preguntas que lle facer arredor dos conceptos que manexa no seu Emilio ou a educación. O tratado comeza aseverando: "Todo é perfecto cando sae das mans de Deus, mais todo dexenera nas mans do home". Deixando á parte que o pensador ilustrado reservaba unicamente aos varóns a educación verdadeira e relegaba a das mulleres ao mellor servizo aos homes, aínda hai moito de aproveitábel na súa obra.

De calquera maneira, mesmo non acreditando na teoría do criminal nato que defendeu Lombroso, ese espécime que estaría nun espazo intermedio entre o simio e os humanos, resulta difícil a idea da completa inocencia orixinal. E, malia que Rousseau non fala xamais do bon sauvage (o bo salvaxe), é evidente que o imaxina como o desexábel até arredor dos 15 anos en que comezaría a educación moral.

Moi tarde, pensará calquera estudoso ou estudosa do tema porque, a natureza humana, en contra do que afirma o filósofo francés, non é perfecta. Ou si que o é, mais en aras da pura subsistencia e integridade física, como calquera animal. A socialización, a empatía, a conciencia, a progresiva comprensión do mundo e de nós, son procesos que dificilmente se desenvolven sen intervención, deixando ao azar o proxecto de persoa. Aos 15 anos o bon sauvage pode ser xa un egoísta no máis amplo sentido da palabra.

Porén, como xa adiantei, hai moitas ideas para non desbotar na obra do francés e sería interesante traelo ao século XXI. Estaría ben que nos respondese, el que aconsellaba deixar as criaturas medrar libres na natureza, que se pode facer cando o medio natural non o é.

O novo Tarzán non salta de árbore en árbore, pendurado dunha liana. Pendurado está, mais da súa tableta ou do seu teléfono celular. Na selva vive; mais, lonxe de se osixenar e potenciar a musculatura, enguedéllase nunha rede que o supera.

De novo quero avogar pola educación en valores e a ensinanza das humanidades, arestora relegados para lles deixar espazo ás técnicas, consideradas máis rendíbeis. Así, en non habendo outro criterio que o da produtividade, esa segunda natureza que crea a aprendizaxe vén reforzar a primeira (aquela coa que nacemos) que, de entrada, non repara máis que no puramente material. En aras diso, a historia repetirase e os calotes, xa institucionalizados por certos bancos, compañías eléctricas e empresas de comunicación, seguirán a ser o pan (mellor dito, a fame) de cada día.

O latín, a filosofía ou a historia non coliden coa ciencia, senón todo o contrario. É a deshumanización o que atallan.

Un novo Emilio sen Rousseau
Comentarios
ç