Opinión

Un pararraios vital

Collo unhas palabras de Bryce Echenique para epígrafe desta columna: "El humor es un pararrayos vital". Se cadra o escritor peruano facía uso dese humor cando plaxiaba artigos de prensa (nada menos que dezaseis de quince autores diferentes). Malia todo, boa parte das súas novelas merecen ser lidas. Por iso lle perdoamos, no que nos toca, algo tan deshonroso para un autor.

Dúas efemérides e mais un sucedido recente danme pé para me referir a esta virtude que rima con amor. Ambos se alimentan mutuamente porque o noso bo estado de ánimo é o mellor agasallo que lle podemos facer ás persoas que queremos e, tanto un coma o outro, son conquistas do esforzo e a vontade. 

Porén, hai distintos tipos de humor ou, máis exactamente, humores que son outra cousa. Facer chistes a conta das eivas ou diferenzas do próximo, rir del e non con el, non é humor, é sadismo ou, cando menos, inhabilidade comunicativa. 

É o caso de Chris Rock, o presentador da última gala dos Oscar, tentando unha brincadeira sobre a alopecia da muller do premiado, Will Smith. Este tamén, a responder cun lapote na máis incivilizada das reaccións, puxo de relevo o seu déficit de tolerancia e, por tanto, de humor, entendido este como capacidade de encaixar golpes, non de propinalos. 

No Brasil e noutros países, hoxe conmemórase o Día da Mentira. Vén ser como o noso 28 de decembro, cando hai licenza para trolas e brincadeiras, por veces difíciles de aturar; mais xustificadas pola data en que se producen, a seguir unha tradición vedraña. Inventar illas novas ou plantacións de espaguetes son mentiras ben máis recomendábeis que as noticias falsas con que uns partidos intentan descualificar a outros. 

Nos EEUU, tamén hoxe e desde 1986, celébrase o Día Internacional da Diversión no Traballo. Para aquí importouno en 2008 a organización chamada Humor Positivo. Trátase dunha empresa consultora que defende e adestra nas emocións optimistas, o humor e o divertimento no eido laboral. Fundada en 2004 por un psicólogo e un pedagogo, baséase en investigacións científicas que demostran os beneficios dun ambiente distendido no traballo. Conta con moitos clientes: ben se sabe que o Capital non dá puntada sen fío. 

Á marxe del, no traballo de vivir e non ser vividos, cada unha e cada un de nós ten que ser para si mesmo CEO (Chief Executive Officer’, é dicir, máximo executivo de si propio. Interésanos, pois, xestionarnos con este método, sobre todo porque o beneficio resultante é para nós e para quen está na nosa órbita. 

Á fin todo se reduce a ollar desde outra perspectiva, a saber con William James que o sentido do humor é, simplemente, o sentido común bailando.

Comentarios