Opinión

'Una, Grande, Libre'

NO escudo constitucional de España xa non aparece aquel lema franquista que figuraba nunha fita, tras a cabeza da aguia imperial, no dos tempos da ditadura: ‘Una, Grande, Libre’. Porén, no pensamento de moitas persoas segue plenamente vixente, mais segundo para que. Vexamos:

Una, participio irregular do verbo unir, ‘unida’ xa que logo, e non traducíbel por ‘unha’. Hai distintos xeitos de se afiliar a esta unidade. Desde o coñecido principio de «xuntos, pero non revoltos» que respecta o dereito a decidir de cadaquén, a súa independencia, até a perda de identidade no propósito de igualar o que é diferente. Parece ser que nesta segunda opción é onde reside a ortodoxia, na práctica, para os que nos gobernan. Mais chama a atención que esa invocada unidade non se estenda a aspectos que serían positivos para os territorios aos que se lles aplica. Un claro exemplo disto (e poderiamos poñer un cento) é o imposto de sucesións. Quen reciba unha herdanza en Cataluña, Extremadura, Galiza, Asturias, Navarra, Murcia ou Andalucía pagará a Facenda, en moitos casos, até dez veces máis que se iso acontece en Madrid. E, como quen fai a lei fai a trampa e o que importa é o lugar onde reside quen transmite os bens, non é a primeira vez que un ancián ou anciá é afastado da familia e as amizades, ao final da súa vida, para trasladalo a unha comunidade autónoma onde sae máis económico recibir o legado.

Grande. E poderá ser grande un Estado que se aplica en lles facilitar a fuga a cerebros privilexiados e á mocidade máis preparada? Dirán os gobernantes que non llela facilitan, que é que non queda outra, como se fose unha maldición bíblica; mais a iso replícolles que teñen a obriga de evitalo e que, se non saben como, non merecen o posto que ocupan.

Libre. De verdade hai alguén que aínda pense que España é libre de elixir o seu destino? «España non é Grecia» é o ‘mantra’ que escoitamos estes días á vista do que acontece con Tsipras e a Unión Europea. España non é Grecia, é España, que seica non foi rescatada ela, senón os seus bancos, polo que, a semellanza dos helenos, os habitantes deste país camiñan pesadamente cos pés feridos polos grillóns que os amarran a esa cadea chamada débeda. Pregúntenlle a un desempregado sen ningunha prestación, desafiuzado, en que se diferencia dun grego en situación semellante. Inquiran o significado da palabra ‘austeridade’ aos que a padecen e aos que a decretan e verán que é polisémica. Díganlle a dona Angela Merkel que somos libres.

Una, Grande, Libre? Quen me diría a min que un día había reivindicar tales cousas para España, o Estado de que depende o meu país, Galiza.

Comentarios