Opinión

Vailles nos xenes

NO ANO 1974, con Franco a piques de pasar á outra beira, non sen antes rematar o seu periplo polo mar da historia tal como o comezara, sen clemencia nin piedade, aconteceron as cousas que paso a relatar. Arias Navarro, "el carnicero de Málaga", era presidente do Goberno e talvez ensaiaba as palabras con que anunciou a morte do ditador: "Españoles, snif, Franco ha muerto".

Un colexio de elite, madrileño, rexentado por monxas e influído polas ensinanzas do Concilio Vaticano II, adoptou unha serie de medidas, tales como impartir aulas pola noite a obreiras, establecer cotas proporcionais aos ingresos das familias ou un ensino da relixión máis ligado ao Evanxeo e, por tanto, ao compromiso.

Non se imaxinan a que se armou! Como as plebeas podían sentar os seus cus nas mesmas cadeiras en que as súas fillas pousaban os seus inmaculados glúteos? Que era iso de establecer cotas proporcionais, permitindo así o acceso ao selectísimo colexio a persoas de menos poder adquisitivo? Como se lles podía propoñer a menores que, dalgún xeito, reasumisen, na súa liberdade, a condición que os pais xa lles elixiran no bautismo? Sen dúbida, as monxas volvéranse roxas e, naturalmente, como eran mulleres, a idea tiña que ser dos varóns que lles cadraban perto, dous cregos novos que traballaban na institución.
Había familias abertas á verdade e á xustiza, mais abundaban as dispostas a sumarse ás mentiras e calumnias, a facer denuncias falsas, chamadas con ameaza de bombas e pintadas no muro do edificio chamándolles corruptoras e pedíndolles que se fosen para Moscú. Tanto remexeron que Cruz Martínez Esteruelas, o daquela ministro de educación, ordenoulles expulsar os curas e, en non facéndoo, pecharíalles o colexio. Nas caixas de correo das vivendas do barrio de Salamanca, proliferaban os anónimos asegurando que as monxas, en compañía dos curas, lles mostraban ás rapazas como se practicaba sexo e como, na comuñón baixo as dúas especies, mollaban a hostia en viño coma quen molla churros en chocolate. Os denominados guerrilleros de Cristo Rey abalaban o berce. 

Todo rematou ben porque coincidiu co caso Añoveros, cando un grupo de bispos tiñan preparada a excomuñón de Franco se se consumaba o desterro do prelado bilbaíno. Ao ser daquela España un Estado confesional, Franco non se podería manter no seu cargo. Porén, antes, a directora do centro e a superiora do convento, foron atraídas á Dirección General de Seguridad, en calidade de denunciantes, mais querendo convertelas en denunciadas. Bily el Niño, o cruel comisario, simulaba xogar ao xadrez.

Estes días, impóñense os paralelismos: non acrediten nos libelos da ultradereita. 

Comentarios