Opinión

Vostedes teñen dereito a un can

AGARDO NON ferir ningunha sensibilidade con estas palabras escritas desde o lado das persoas ás que non nos gustan os cans. Para ser máis exacta, a min non me gustan os cans en pisos, nin nos interiores das casas, a invadir os espazos dos humanos e –se cadra– a encher de pelos os sofás, as butacas e as alfombras, se as houber. Non soporto subir a un automóbil e ter que recoñecer o territorio para pousar onde non se me apeguen as pilosidades caninas á roupa, cousa difícil de conseguir segundo me di a experiencia. Porén, endexamais maltrataría a un destes animaliños cuxa lealdade é proverbial. Comprendo aos canófilos e canófilas e mesmo recoñezo as bondades de contar, fronte á soidade, coa compaña dun ser que tamén precisa de nós.

Vostedes teñen dereito a posuír un can ou cantos lles permitan as ordenanzas municipais, se é que hai algunha neste sentido. Mais nós tamén temos unha serie de dereitos que implican deberes por parte de quen pasea un cuzo ou un animal de maior tamaño.

Reclamo o dereito a non vivir nun espazo, o do edificio en que moro, marcado en todo o seu perímetro visíbel polos ouriños de non se sabe cantos cans e cadelas, a convertelo no mexadoiro maior da cidade. Reclamo o dereito a non ter que circular entre as deposicións sólidas –ou os seus vestixios– nunha especie de xincana pedestre, a competir polo premio de levar as solas dos zapatos limpas. Reclamo o dereito a que os cans non me lamban nunha desas manifestacións de afecto polas que os seus donos, en vez de pediren desculpas, semellan agardar que lles deamos as grazas.

Supoño que non é preciso que enumere os deberes que se corresponden cos nosos dereitos; mais, por se alguén os esqueceu, cousa evidente se non queremos falar de comportamento incívico no canto de desmemoria, talvez conveña recordar a conveniencia de portar unha bolsa para recoller as feces, unha botella de auga para lavar os ouriños e un bozo en evitación de trabadas e lambedelas.

Noutra cidade galega, unha miña amiga con dificultades motoras por mor da poliomielite que padeceu na infancia, esvarou nuns excrementos da rúa. E, por se non abondase, poucos días despois unha desas correas extensíbeis ao arbitrio do animal enguedellóuselle nas pernas e fíxoa caer de novo. Xa poden imaxinar como se encontra. Non hai que perder de vista que, alén destes casos particulares, aquí é maioritaria a poboación envellecida, sen dúbida máis vulnerábel.

Xa que logo, alguén terá que procurar unha solución para este problema crecente. Coido que non son politicamente incorrecta se digo que os dereitos dos animais non poden colidir cos das persoas.

Comentarios