Opinión

Xénese 4: non cesa

No capítulo 4, versículo 8 do primeiro libro da Biblia, Xénese, en que se nos contan de xeito simbólico as orixes da humanidade, figura sucintamente o primeiro asasinato. "E díxolle Caín ao seu irmán Abel, saiamos ao campo. E sucedeu que, estando eles no campo, Caín alzouse contra o seu irmán Abel e matouno". Segue nos versículos 9-16 o diálogo entre Iavé e o fillo de Eva. Aquel bótalle unha maldición, mais promételle un sinal para que o recoñezan e non o maten.

Foi un asasinato entre irmáns. Todos os asasinatos son asasinatos entre irmáns, gústelle ou non a quen se considere dunha caste superior por cousas tan accidentais como son a cor da pel, a etnia, o lugar de nacemento, os credos, as preferencias sexuais, a situación económica ou o club de fútbol dos seus amores. 

O substancial é o ser humano, do que Caín representa a crueldade ditada pola envexa e Abel a bondade confiada, a inocencia que o converte en vítima. Mais, nin co primeiro rematou o instinto fratricida, nin con Abel a capacidade de soñar con promover un mundo en paz.

Con frecuencia se alude á marca ou signo de Caín interpretando que é a condición criminal da especie humana ou, noutros casos, a condena a non ter acougo en ningures e vagar polo mundo. E non faltan os que, racistas inveterados, coidan que son os negros os herdeiros do sinal, equiparando as sombras de que fala o texto coa cor bruna.  No Sur dos EE UU, os baptistas acudían a esta pasaxe para xustificaren a escravitude. 

Eximios eséxetas entenden que o que expresan os versículos 9 a 16 do mesmo capítulo 4 é a prohibición da vinganza. Malia todo, boa parte do Antigo Testamento está chea de episodios de crueldade, violencia e guerras. Así é a historia da humanidade, cainismo sostido ao longo dos séculos. Abonda con acudir a crónicas ou anais diversos para constatalo.

Verdadeiramente é imposíbel a paz? Levamos a guerra nos xenes e o mesmo Abel, de non ter morto, tamén tería atacado a Caín "en defensa propia"? Caín e Abel,  arquetipos literarios, a nos avisar do difícil que é a convivencia.

A guerra non se atalla con guerras. Ao si vis pacem, para bellum hai que lle dar a volta e formulalo así: si vis pacem, para pacem.

Preparar a paz non é tanto destruír ou deixar de construír armas, que tamén, senón arrincar a raíz do mal: o egoísmo, o odio, a incapacidade de sentir coas  demais persoas. Cando estas cousas están en nós, non se precisan canóns nin bombas. Ao Caín da fábula seica lle abondou coa queixada dun asno, a nós coas sevicias de cada día. Preparar a paz é educar no amor universal.

E digo eu: pensar así é o que chaman pexorativamente boísmo? Pois sexa.

Comentarios