Opinión

Botellón a bordo

O 'ANTHEM of the Seas', o terceiro cruceiro máis grande do mundo e considerado o máis avanzado do planeta a nivel tecnolóxico, estivo días atrás en Vigo. Nos seus 374 metros de eslora (case catro campos de fútbol) agocha enxeños como un simulador de voo e paracaidismo ou unha piscina con ondas para facer surf. Pero o que máis chama a atención é, sen dúbida, un bar onde os camareiros son robots. Aínda que poida parecer que raia o ridículo, ten as súas vantaxes. Non beben mentres traballan, non se marean co temporal, nunca lle negan a un a última copa por moi bébedo que vaia e tampouco meten a man na recadación nin (suponse) baixo saia dalgunha cruceirista. Iso si, se por calquera motivo hai un fallo no sistema eléctrico do barco, a cousa podería irse das mans e acabar todo nun enorme botellón a bordo, algo pouco recomendable no medio do océano. Se non, que llo pregunten a Schettino.

Comentarios