viernes. 13.12.2019 |
El tiempo
viernes. 13.12.2019
El tiempo

A morte tan presente

Ela, os amigos que nos deixan, sempre estarán vivos na nosa lembranza

ADMITE O FILÓSOFO Emmanuel Levinas que os seres humanos non temos a máis remota idea do que significa a morte, pois a morte é o absolutamente ignoto e incomprensíbel. E engade o autor de Ética e infinito que o relevante do feito irreversíbel da morte non é que nós teñamos que morrer, senón a morte dos outros. Porque o desenvolvemento das nosas posibilidades existenciais non vén dado polo ter que morrer nós —segue a matinar o filósofo—, senón por ter que facernos cargo da morte dos outros. Entendan vostedes. A min, debo confesalo, diante da morte dos amigos ou da xente próxima, vénseme moitas veces á mente aquela sentencia de Karl Marx, filósofo do real, que define a morte como unha "dura vitoria da especie sobre o individuo".

E todo isto vén a conto porque nos últimos meses, e mesmo nos últimos días, fóronsenos amigas e amigos varios, rostros próximos e queridos, algúns deles coñecidos no mundo das letras e da arte, que deixan en nós un pouso de amargura e un desvalemento a nos enturbar e conmover. Fóisenos hai poucos meses o poeta e escritor lugués Isidro Novo, de súbito e en silencio, fendendo o noso ánimo cun golpe xordo e frío, e eu lembrei, e lembrareino sempre, uns versos do seu libro "Esteiro de noites falecidas", imaxe para min dunha radical plasticidade cromática: "O ceo convertido en inmenso hematoma / nun decembro que deixa caer a súa pálpebra cansa".

E tamén nos deixou, poucos días atrás, a pintora Berta Cáccamo, que precipitou sobre todos nós un inmediato refacho de tristura, tan estimada ela, e recoñecida, no mundo da arte, filla de Xosé María Álvarez Blázquez e irmá dos escritores, para min moi queridos, Xosé María, Alfonso e Celso Álvarez Cáccamo. Tanto no caso de Isidro Novo como no de Berta Cáccamo, dúas persoas aínda novas en idade e cunha gran carreira literaria e artística por diante, a morte foi, como diría Miguel Hernández, "injustamente arrebatada": "No sabe andar despacio, y acuchilla cuando menos se espera su turbia acuchillada".

A morte, pois, sempre presente, sempre próxima, esa morte que o poeta, queréndoa ver como un mar, arredor da illa delourada da vida, víaa tamén, como as ondas da praia, cantar a súa canción sen fin. E velaí como tamén partiu, poucas horas atrás, cara ao mar ignoto, outro lugués amigo e admirado, o escritor e xornalista vilalbés Ramón Chao. Eles, os amigos que nos deixan, sempre estarán vivos na nosa lembranza.

A morte tan presente
Comentarios