Opinión

Acabar coa Filosofía

As Humanidades, o pensamento, fainos máis humanos, intelixentes e instruídos. Mais a Filosofía, o mundo das ideas, molesta, perturba, non interesa

O MINISTRO DE Educación do Brasil e o presidente dese país, Jair Bolsonaro, acaban de programar a práctica eliminación dos estudos de Filosofía e de Socioloxía no ensino universitario, e a Fronte Parlamentar pola Valorización das Universidades Federais e o Observatorio do Coñecemento manifestaron de inmediato que non hai nación desenvolvida no mundo que non teña un forte investimento en campos de estudo como os da Filosofía e a Socioloxía, pois ao atacar as Humanidades a sociedade é condenada á miseria económica e intelectual, relegándoa á escuridade da ignorancia.

Entre as características do fascismo bolsonarista están, entre outras, a defensa dun materialismo pedestre e trivial, unha percepción banal da creación artística e un odio manifesto pola vida intelectual. É dicir, todo o contrario a un modelo de sociedade humanista, que debe estar baseado nunha fórmula educativa que se constitúa como un verdadeiro antídoto contra os intereses do totalitarismo. O ministro de Educación do Brasil é un economista especializado en temas financeiros, traballou durante dezaoito anos nunha importante entidade bancaria e foi tamén executivo dunha compañía de investimentos. Como di o profesor Álvarez de Mon, vivimos mareados nun mar de sofisticados produtos financeiros, perdidos na voraxe irresponsábel e apalancada dun mercado histérico e insolidario, e, nestas circunstancias, viríanos moi ben a compañía dalgún filósofo ilustre.

O certo é que son as Humanidades, o pensamento, o que nos fai máis humanos, intelixentes e instruídos. Mais a Filosofía, o mundo das ideas, molesta, perturba, non interesa. No Xapón, por exemplo, en case trinta universidades, de sesenta existentes con estudos de Humanidades, xa teñen clausurado practicamente os cursos nestas materias. Trátase de impor as carreiras científico-técnicas en detrimento das carreiras de Letras e dos estudos filosóficos, artísticos e humanísticos, que seguen a ser, guste ou non, a base do coñecemento e do pensamento crítico e creativo.

¿E en Europa? Aos poucos, na UE, en diversas escolas e centros educativos, estase levando a cabo unha reforma que pretende suprimir a Filosofía nos cursos de Ciencias. A Lei Wert en España ía nesa dirección, sendo aínda máis lesiva nos seus principios. E en Italia, Francia, Alemaña e Inglaterra a Filosofía tamén coxea nos programas educativos básicos. Aviados estamos.

Comentarios