Opinión

Alto do Fiouco

Procuren a solución. Para que no ano 2020 poidamos circular por unha autovía que non quere ser maldita

DEBO CONFESARLLES que eu, cando paso polo Alto do Fiouco, no punto quilométrico 546 da autovía A-8, entre Lindín (Mondoñedo) e A Carreira (Abadín), experimento, aínda nun día normal, sen néboa, unha sensación de intranquilidade, ás veces próxima ao desacougo, pois os 698 metros de altitude, unidos ao "acoso" visual dos viraventos do parque eólico alí instalado, dispoñen en min unha sorte de intimidación e de alarma que resulta, coa mente fría, inexplicábel. Algo hai de telúrico no lugar, e tal espazo, en concreto, non é un campo de enerxías benefactoras, senón todo o contrario. Traten de experimentalo vostedes.

Cando a autovía do Cantábrico se ía configurando aos poucos, os veciños máis vellos da zona próxima ao Fiouco levaban as mans á cabeza, e advertiron do perigoso do trazado, tan visitado por ventos locais e variábeis e, sobre todo, por néboas mestas e persistentes que se fan donas do enclave sobre todo na primavera e no verán, animadas por un vento Nordés que trae a humidade do mar e a pousa en forma de gran lenzol de brétema compacta sobre o asfalto montesío da gran estrada.

¿Unha autovía no Alto do Fiouco? Pois si. Para iso estiveron os técnicos e os enxeñeiros competentes que traballaron dende os seus despachos e que non pensaron en momento ningún en contrastar o seu proxecto coa palabra sabia da xente do común que habita o lugar. Poucos meses despois de inaugurar o tramo da Transcantábrica que pasa polo Alto do Fiouco a crónica da impenetrábel néboa anunciada xa daba de si un choque en cadea de 50 vehículos con medio cento de persoas feridas e unha muller morta.

O certo é que o Alto do Fiouco permanece pechado ao tráfico por mor das néboas unha media de 35 días ao ano, e practicamente a metade do ano o neboeiro fai alí acto ameazante de presenza. Aínda sen néboa, non hai moitos días, un turismo e un camión sufriron un accidente no Fiouco: só había un vento que traía refachos enganosos. Era un vento que sopraba dende o Cantábrico traendo a humidade do mar á autovía que roza o ceo. Ese vento tamén produce medo. E accidentes.

Agora só cabe agardar que o novo ministerio de Fomento execute integramente a partida de 5,4 millóns de euros contemplada nos Orzamentos do Estado para o exercicio 2018. Comecen xa a probar os prototipos anti néboa. Procuren a solución. Para que no ano 2020 poidamos circular por unha autovía que non quere ser maldita.

Comentarios