Opinión

Andrés Reboredo

Toda a obra escultórica de Reboredo é unha sorte de alimento visual e unha proposta de diálogo material entre a proporción e o equilibrio

FUN VER A exposición de esculturas do arquitecto Andrés Reboredo, titulada Estelas y Atalayas, na sala coruñesa do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, e a primeira impresión que me produciron as pezas escultóricas do arquitecto coruñés, todas elas primorosamente lacadas en branco, acendeu en min a lembranza duns versos do escultor brasileiro Amílcar de Castro nos que di que a escultura "é a descoberta da forma / do silencio". No caso de Andrés Reboredo, un dos grandes arquitectos contemporáneos, sen dúbida, (véxase, por exemplo, a excelencia do Hospital Marítimo de Oza ou o Parlamento de Galicia), as súas esculturas van acompañadas de poemas do propio autor, mais as esculturas mesmas xa producen unha resonancia poética que nos conmove. A depuración formal da súa obra transparéntase de xeito inmediato, mais brilla tamén no resultado escultórico unha semántica particular, unha linguaxe persoal destinada a producir unha fonda experiencia estética, ou, como diría a escultora Mª José Zanón, unha "rigorosa levedade de natureza construtiva".

O arquitecto Fernando Agrasar, autor dun dos textos do catálogo da exposición, establece unha comparación entre as esculturas de Reboredo e as ensoñacións escultóricas (os Arkhitekton) do gran pintor e precursor da arte abstracta Kazimir Malévich, mais na obra de Reboredo hai unha viaxe ao silencio e dende o silencio que se converte en primordial á hora de construír unha harmonía espacial e estrutural, esas pezas escultóricas que para o tamén arquitecto Cristóbal Crespo, autor doutro dos textos do catálogo, son exercicios compositivos, ensaios e maquetas de arquitecturas ensoñadas para cidades utópicas, que, por outra banda, evocan unha sorte de composicións neoplasticistas.

No caso de Andrés Reboredo, que é un xenio probado da arquitectura, estamos nesta exposición escultórica diante dun territorio de interferencia ou de intersección creativa, poética, entre a escultura e a arquitectura. Por iso se percibe na súa obra un arquetipo de rítmica (ou dígase musicalidade espacial) que é tamén tensión e sensibilidade temporal: ese esculpir o tempo do que nos falaba o cineasta ruso Andrei Tarkovski. E, por outra banda, toda a obra escultórica de Reboredo é tamén unha sorte de alimento visual e unha proposta de diálogo material entre a proporción e o equilibrio. Unha lúcida creación de beleza.

Comentarios