Opinión

Angrois

LEMBRO PERFECTAMENTE o portavoz do partido popular no Congreso dos Deputados, Rafael Hernando, en comparecencia pública, a pronunciar o topónimo Angrois á francesa: "Angruá". E había na súa actitude, con toda evidencia, un ánimo provocador, ben coñecido, por outra banda, na súa función de voceiro; mais tamén se chegaba a percibir na súa intervención un desprezo, unha subestimación e unha displicencia —e todo iso tinxido de certa idiocia— á hora de recoñecer e locucionar o nome galego dun lugar e o idioma do cal forma parte.

E agora, cando se acaban de cumprir 6 anos do fatídico accidente de Angrois, tamén lembro o mesmo voceiro parlamentar do PP a utilizar a palabra "miserábel", neste caso dirixida ao PSOE, tras apoiar este partido a petición realizada por En Marea (cando esta existía como tal no Congreso) para que fora debatida en pleno a creación dunha comisión de investigación sobre o sinistro acontecido na curva da Grandeira. Naquela altura, o presidente da Plataforma de Vítimas do Alvia, Jesús Domínguez, preguntáralle expresamente a Hernando se lles estaba chamando "miserábeis" tamén ás vítimas, lembrando unha vez máis que no caso do Alvia había toda unha serie de responsabilidades, tanto políticas como penais, que era preciso depurar.

Mais o certo é que, transcorridos 6 anos do sinistro (80 mortes e 144 persoas lesionadas), non se realizou aínda un "informe técnico" neutral do accidente e Jesús Domínguez, que representa ao colectivo de vítimas e ás súas familias, non dubida en afirmar que, dadas as circunstancias, o caso Angrois di moi pouco das institucións españolas involucradas no tema e mesmo dun Estado democrático que segue a actuar, aínda a día de hoxe, de "maneira vil coas vítimas", pois segue a ocultar a verdade sobre o acontecido e segue a negar unha investigación técnica independente, tal como, por outra banda, ten solicitado a Unión Europea en reiteradas ocasións.

As vítimas do accidente en particular e a sociedade en xeral teñen dereito a coñecer a verdade. toda a verdade sobre o accidente de Angrois. A UE falou ben ás claras sobre a falta de independencia e sobre a invalidez da investigación realizada pola Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios (CIAF). As causas profundas do accidente nunca foron investigadas ou analizadas. E deben selo. As vítimas, 6 anos despois, están aí. E nunca deixarán de estar.

Comentarios