O escritor Eli Wiesell, supervivente dos campos de concentración nazis e Premio Nobel da Paz en 1986, afirmou que diante das atrocidades temos que tomar partido, porque o silencio —engade— estimula ao verdugo. Estando como estamos contra todo tipo de atrocidades pasadas, presentes e futuras (‘atrox’: aterrador), temos que referirnos aquí e agora á atrocidade maior que opera sobre Gaza da man do Goberno de Israel e das forzas militares baixo as súas ordes. O portavoz do Fondo das Nacións Unidas para a Infancia, James Elder, declarou que Gaza se tiña convertido nun ‘cemiterio de nenos’ —máis de 3.500 asasinados— e nun ‘inferno’ para todos os demais que aínda seguen con vida e que son vítimas dun pesadelo que os marcará para sempre.
Condenadas pola Onu, gobernos de diversos países, organizacións humanitarias e ducias de millóns de cidadáns en todo o mundo, as atrocidades que leva a cabo Netanyahu e os militares ao seu mando en Gaza levaron ao fiscal xeral da Corte Penal Internacional, Ahmad Khan, a advertir a Israel de que se están investigando posíbeis crimes de guerra e de lesa humanidade, particularmente dende o ano 2002 e de xeito especial na Gaza de hoxe.
¿Acaso cando Israel comete atrocidades na Palestina non sabe ou non é consciente de que ese tipo de accións están prohibidas polo dereito internacional? Calquera entenderá que cando o actor das atrocidades desafía a autoridade da lei que lle sinala non realizar a acción ilegal, este, a todas luces, acaba sendo ‘culpábel’, porque coñecendo a norma xurídica decide incumprila; e isto ben que o demostra a avogada e filósofa Camila de Gamboa, partindo do ‘mens rea’ dende o punto de vista legal, nun ensaio titulado precisamente "La culpabilidad moral de los actos atroces en situaciones de violencia política".
Até o exfiscal da Corte Penal Internacional, o arxentino Luis Moreno Ocampo, non dubida en afirmar que "Israel non pode converter Gaza nun campo de exterminio", e non pode bombardear a poboación civil porque iso —sentencia— é un xenocidio. A mesma opinión expresada polo director da oficina de Nova York do Alto Comisionado de Nacións Unidas para os Dereitos Humanos, Craig Mokhiber, que acabou presentando a súa dimisión do cargo pola inacción dos organismos da Onu —así o expresou textualmente— para previr o xenocidio da poboación palestina a mans de Israel. Non hai máis que dicir.