domingo. 16.05.2021 |
El tiempo
domingo. 16.05.2021
El tiempo

Barenboim e o ser israelí

Israel é na actualidade un país opresor e racista, que demoniza os non xudeus, palestinos musulmáns e árabes cristiáns, como unha ameaza material
 

O CÉLEBRE pianista e director de orquestra Daniel Barenboim, tras a aprobación por parte do Parlamento de Israel dunha lei que consagra o ‘Estado nación do pobo xudeu’, publicou un artigo no xornal israelí Haaretz titulado ‘Hoxe avergóñome de ser israelí’. Entende Daniel Barenboim que esta nova lei instaura na práctica unha forma moi evidente de ‘apartheid’ contra a poboación árabe, pois substitúe o principio de igualdade e valores universais polo nacionalismo de Estado e polo racismo. ¿Pode o pobo xudeu, cuxa historia é unha crónica de sufrimento continuo e persecución implacábel —reflexiona Barenboim—, consentir a indiferenza cara os dereitos e o padecemento dun pobo veciño?

A nova lei aprobada polo Parlamento israelí (62 lexisladores a favor e 55 en contra) reafirma o status de Xerusalén como capital de Israel, fixa que unicamente os xudeus teñen dereito a exercer a autodeterminación no Estado de Israel, declara que o Estado "considera que o desenvolvemento dos asentamentos xudeus é de interese nacional", converte o hebreo en única lingua oficial do Estado e establece tamén o calendario hebreo como oficial.

No Estado de Israel, como é ben sabido, convive un 75% de cidadáns israelís xudeus e un 20% de cidadáns israelís árabes. E, como lembra Daniel Barenboim, 50 anos despois da ocupación dos territorios palestinos, Israel é na actualidade un país opresor e racista, que demoniza os non xudeus, palestinos musulmáns e árabes cristiáns, como unha ameaza material e demográfica. A lei racista aprobada provocou de inmediato a ‘preocupación’ das Nacións Unidas, da Unión Europea e até do Comité Xudeu Estadounidense, unha organización de apoio a Israel e aos xudeus que non dubidou en sinalar que un Estado definido como ‘nacionalmente xudeu’ pon en perigo a súa condición de democrático.

Así as cousas, é doado entender o sentimento de vergoña de Daniel Barenboim na súa condición de cidadán israelí, pois o actual Goberno do país, con Benjamín Netanyahu á cabeza, está a sementar unha cultura do odio, da dominación e da discriminación. E todo iso á marxe da legalidade internacional e con total impunidade. Por iso Barenboim, recoñecido universalmente polo seu talento musical e xudeu el mesmo, mostra a súa vergoña ao mundo. Porque ademais o Goberno racista de Israel, di o mestre, actúa "en contra de toda a tradición xudía de séculos de humanismo".

Barenboim e o ser israelí
Comentarios
ç