miércoles. 11.12.2019 |
El tiempo
miércoles. 11.12.2019
El tiempo

Basilio Losada

O PROFESOR, escritor e tradutor Basilio Losada acaba de recibir o prestixioso Premio Eduardo Lourenço que concede cada ano o Centro de Estudios Ibéricos, do cal forman parte as Universidade de Coimbra e de Salamanca, e hai que salientar que o xurado deste galardón concedido ao noso amigo valorou especialmente constituír el mesmo, a propia persoa de Basilio Losada, "unha auténtica rede de mediación cultural entre os diferentes espazos lingüísticos da Península Ibérica".

Basilio Losada (1930) é un lugués de Láncara, da Penaboa (parroquia de Ronfe), que emigrou con catro anos ben cumpridos a Barcelona e que acabou sendo na posguerra, morto o seu pai nos últimos días da resistencia ás tropas franquistas, fillo de viúva e sen medios económicos. Basilio traballou dende moi novo, para sobrevivir, en todo o que se lle poñía por diante, mais con gran esforzo persoal acabou licenciándose en Filosofía e Letras e chegou tamén a rematar a carreira de Dereito. Como había intelixencia, talento e disciplina, o noso amigo chegou a facer o doutoramento en Filoloxía Galega para se converter pouco tempo despois no primeiro catedrático de Filoloxía Galega e Portuguesa na Universidade de Barcelona, sendo ademais profesor do Knox Collegue, do Brethren Collegue Abroad, do Darmouth College e de varias universidades norteamericanas e europeas.

E este lugués de Láncara, señor da palabra onde os houber, hoxe con 88 anos moi ben levados, foi distinguido coa Creu de Sant Jordi da Generalitat de Catalunya, Medalla Castelao, Pedrón de Honra, Premio Nacional de Tradución e Orde do Cruzeiro do Sul do Brasil, entre outras consideracións. Mais eu lembro especialmente cando Basilio Losada recibiu a Comenda da Orde do Infante Dom Henrique, un dos grandes galardóns da República de Portugal, entregado no ano 1993 na Embaixada portuguesa en Madrid. Alí estivemos, convidados por Basilio, Vicente Araguas e o que aquí escribe. A cea na Embaixada e o discurso do galardoado foron memorábeis. Alí brillou o gran home de letras e o magnífico mediador cultural que era, que é, Basilio Losada. Agora, 25 anos despois, cando recibe outro importante recoñecemento portugués, vaia para o amigo, para o sabio de Láncara, para o profesor galego-catalán, todo o noso agradecemento por tanto traballo realizado no académico, no literario, no cultural. A xustiza poética sempre estará da súa parte.

Basilio Losada
Comentarios