Cando se volve producir unha nova vitoria moral e política de Cuba na sede das Nacións Unidas, por trixésima primeira ocasión, pois 187 países votaron a favor da fin do bloqueo económico, comercial e financeiro imposto polos EE.UU. contra a illa, vixente dende hai seis décadas —só os EE.UU. e Israel votaron en contra—, eu lembro a un Manuel Fraga, presidente da Xunta, a se manifestar contra o bloqueo a Cuba, e a lle pedir aos EE.UU. o levantamento de tal inxusta medida e a evacuación dos efectivos militares da base naval de Guantánamo.
E un tamén lembra cando o Parlamento de Galicia (2016) realizaba unha declaración institucional na que solicitaba o acabamento do embargo comercial sobre a illa caribeña, pois Galicia quería "demostrar o seu compromiso e cercanía polos vínculos fraternais que nos unen con Cuba". O Parlamento galego convertíase así na primeira cámara lexislativa, non só do Estado español senón da UE, en aprobar unha resolución de tal transcendencia política, en consonancia coas numerosas disposicións ou mandamentos realizados pola Organización das Nacións Unidas.
O bloqueo económico, financeiro e comercial dos EE.UU. contra Cuba non deixa de ser —así se ten definido en todo o mundo— un crime de lesa humanidade e un acto de guerra (doutrina da Conferencia Naval de Londres, 1909) en tempo de paz. Por que o goberno estadounidense segue a manter o bloqueo contra Cuba de xeito unilateral? Acaso o bloqueo non é unha violación flagrante e sistemática do dereito internacional e dos dereitos humanos do pobo cubano? Non hai que esquecer que durante o goberno de Donald Trump aínda se adoptaron 243 novas medidas contra a illa sumadas a todas as anteriores. E aí segue, a pesar dunha oposición practicamente mundial, o bloqueo férreo e desalmado de EE.UU. contra Cuba, tal como o definiu no seu día o premio Nobel de Literatura García Márquez.
As relacións de Galicia con Cuba nacen xa, a través da emigración, nos finais do século XVIII. E xa en 1804 fundan os galegos en La Habana unha asociación de adscripción regional co nome de Santa Hermandad de Santiago el Mayor. En Cuba, ademais —lembrábao sempre Neira Vilas—, naceron a Real Academia Galega, o himno galego e a bandeira de Galicia. Tal vez por iso o Parlamento galego se manifeste, por unanimidade, contra o bloqueo a Cuba e o pobo galego mostre a súa solidariedade co pobo irmán cubano.