Opinión

Cando veña o inverno

Chéganos unha información do profesor Umberto Mazzei, director no seu día do Instituto de Relacións Económicas Internacionais de Xenebra e doutor en Ciencias Políticas pola Universidade de Florencia, na que se nos informa de que o Grupo Empresarial alemán BASF acaba de anunciar que se non poden obter todo o gas que precisan veranse obrigados a paralizar as súas operacións no seu principal complexo industrial, unha macrofactoría que ocupa, ela soa, 10 quilómetros cadrados de extensión. Dito doutra maneira —resolve Mazzei—, sen o gas ruso Alemaña non poderá existir industrialmente con normalidade o próximo inverno.

¿Actúan con verdadeira responsabilidade os dirixentes dos Estados europeos e as elites económicas europeas, con máxima subordinación e dependencia dos EE UU, á hora de calibrar a realidade que xa estamos a vivir hoxe mesmo e, sobre todo, a que virá? Chama a atención como a conservadora e ‘aristocrática’ presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen —violadora en máis de unha ocasión do código de conduta da Comisión—, realiza unha simple chamada de "unidade, firmeza e solidariedade" aos Estados membros fronte aos problemas existentes para a obtención do gas ruso, no canto de activar de vez unha diplomacia europea de carácter político inmediato para pór fin á guerra que bate de cheo no corazón de Europa.

O certo é que unha boa parte de Europa depende do gas ruso —para a súa produtividade industrial e para o seu benestar social— e o inverno virá inexorabelmente co seu "caer a neve do ceo de París", como evocaba Rubén Darío, ou teremos que nos contentar —sempre aí os poetas— co verso de Shelley que di que "se o inverno chegou, a primavera non ha de tardar moito". A Unión Europea, ao dicir de moitos analistas, pode chegar a situarse, con Alemaña en primeiro plano, á beira mesmo do suicidio enerxético. E xorden as preguntas. ¿Está disposta a dirixencia europea a pór en perigo o Estado de benestar do que aínda, problematicamente, desfrutamos, abrindo as portas a unha degradación social, aumento da pobreza incluído, de incalculábeis consecuencias?

Cando veña o inverno veremos o que acontece cos ‘bancos de alimentos’ nos países europeos, como será o proceso e o custo da pasteurización do leite —por pormos este exemplo— ou como vai funcionar a redución obrigatoria do consumo de gas. Os reises do asunto traerannos carbón.

Comentarios