Opinión

Carnaval, Carnaval

POLA CANDELORIA metade do inverno vai fóra, rebentan as mimosas en ouros, o toxo mostra o alecrín, volven os nubeiros de paxaros, o oso sae do seu letargo e os deuses pagáns, tradicionais ou inventados (Meco, Momo, Ravachol...), presiden a eira ou a praza". Ben fermosas son estas palabras de Felipe Senén para definiren o que el mesmo invoca como "entrar no entroido galego", pois todo ten lugar no introitus, na entrada ou comezo dunha primavera que se albisca, como soubo ver o poeta inglés de Finsbury, intensa nunha fantasía que recolle no seu seo todo o que é beleza renovada.

Semella claro que Entroido (ou Antroido, forma esta máis utilizada en Lugo) é a expresión ou voz galega plena que designa unha festa de fondo carácter popular na que os disfraces, as máscaras, as pantallas, os peliqueiros, felos, boteiros, madamas e choqueiros conviven nun espazo presidido pola burla, a chacota e a brincadeira —trouleo, sátira e crítica social incluídas—, sen nos esquecer, porque é capital e reina sobre todo, do elemento gastronómico, dende a carne de porco, ben acompañada de cachelos e chourizos, ás gorentosas filloas, orellas ou freixolos.

Tal vez nos tempos que corren estea a se impor entre nós, para referírmonos ao noso vello Antroido, a palabra de orixe italiana Carnaval, que fai referencia (carnem levare) a un "adeus á carne", pois entramos nunha época máis atenta en principio ao espírito, os corenta días da Cuaresma da igrexa cristiá, entre o denominado Mércores de Cinza e o Domingo de Resurrección. Esa é, digámolo así, a lectura oficial.

Mais eu neste tema, non exento de interpretacións varias, coincido plenamente coa visión do antropólogo e teólogo Manuel Mandianes, que afirma que o home celebra o Carnaval dende que é home, pois era en orixe un rito funerario, e a celebración mesma significa, e máis dende a perspectiva de hoxe, a personificación dunha forza descoñecida, a expresión dun desexo sen límite, un universo sen regras anterior á conciencia e á capacidade de arbitrio. Ou dito doutro xeito, recollendo as palabras do antropólogo sabio, o Carnaval é a expresión da loucura e o delirio sociais que permanecen ocultos, e á vez é a expresión plástica do que tal vez configure a identidade colectiva e individual. E non só iso. É tamén unha forma de resistencia, aínda que só momentánea, ao poder. Que teñan vostedes un feliz Antroido.

Comentarios