Opinión

Cen mil figuras da mentira

Ben se sabe, como nos ensinou Montaigne, que o embuste, o engano ou a falsidade –ao revés do que acontece coa verdade, que só é unha e ten unha soa cara–, posúe "cen mil figuras e un campo ilimitado". E, á vista do que se está a vivir nas sociedades occidentais, as cen mil figuras da mentira triunfan en toda regra, e mesmo vemos como existen comunidades enteiras que se embarcan, como diría Hanna Arendt, na "mentira política organizada por principio", naturalizando esta como se fose mesmo a lei de gravitación universal.

Vexamos algúns exemplos. ¿Existe algún presidente dos EE UU que non teña feito uso continuado da mentira? Lembrarán vostedes as mentiras do presidente demócrata Lyndon Johnson para aumentar o número de tropas no Vietnam, do aparvallado George Bush diante do ataque e destrución do Iraq ou, máis recentemente, do boubexo e cretino Donald Trump, que converteu a mentira nunha pista de circo, e el sempre no centro como avantaxado alumno goebbelsiano. Na actualidade, coa mentira a campar a torto e a dereito, for na escena política, for nos eidos mediáticos, resulta evidente, como lamenta Jacques Derrida, que se está a arruinar todo o fundamento da ética, pois imponse, dende a raíz até o froito do falso, unha verdade de dereito: "verdade pública, dominante e xuridicamente incuestionábel".

Todo indica –velaí as “verdades” da guerra, por exemplo– que o virus da mentira vive xa entre nós de xeito practicamente conxénito, connatural, e o mentir –arestora, agora mesmo, na farrapenta pell de brau– está de moda, e até tal extremo que chega a producir éxito persoal, social e político. Vexan senón aí algúns presidentes e presidentas de comunidades españolas que afirman, sen temor ningún a enrubescer, que polo mar corren as lebres e polo monte choutan as sardiñas, e sempre teñen público a bater as palmas con político entusiasmo. E un, con tanta teima mentireira actuante darredor e máis alá, acaba lembrando a personaxe K da literatura kafkiana que chega a concluír, como triste opinión, que "a mentira se eleva a fundamento da orde mundial". Sen dúbida, Franz Kafka era un visionario.

Como tamén o era, realista e visionario, o noso extraordinario poeta medieval Airas Nunez, quen, hai máis de 700 anos, escribía en galego que "no mundo minguou a verdade", laiándose da decadencia dos valores no seu tempo. Porca miseria, se vivise hoxe.

Comentarios