Opinión

Ciencia e humanidades

Todo empobrecemento cultural, notábel a día de hoxe, acaba en empobrecemento social, económico, político e, atreveríame a dicir, tamén científico

Afirma o antropólogo Jesús Mosterín que a filosofía debe ser o enlace ou nexo necesario entre a ciencia e as humanidades, pois todo o conxunto que aí se produce resulta un gran espazo de investigación e de coñecemento, e as artes literarias e plásticas e a tecnoloxía deben formar parte tamén dese universo epistemolóxico. A poesía, por exemplo, así o pensamos nós, ademais de constituír un feito biolóxico humano que utiliza a linguaxe como vehículo de expresión, é tamén un campo de coñecemento tanto no antropolóxico como no social.

É ben certo que o sistema político-económico imperante na actualidade, o neoliberalismo nas últimas décadas, ten convertido as universidades, antes focos de cultura e de saber científico universal, nunha sorte, digámolo así, de consorcios empresariais, por activa ou por pasiva, interesados en primeira instancia en fabricar obxectivos de lucro (mesmo nas carreiras de letras) e non en propiciar, en toda a súa extensión, o coñecemento. Semella, pois, que construír un ser humano amplamente culto e civilizado non resulta rendíbel para o sistema universitario, que despreza todo rendemento de carácter intelectual que leve, coa súa lóxica progresiva e interna, ao social.

Un sociólogo da talla de Pierre Bordieu chega á conclusión de que as humanidades, que tantas veces poden caer nunha metodoloxía sen método e no textualismo (verbalismo) como unha forma de ideoloxía profesional, deberan converterse nunha ciencia con conciencia, lonxe, por suposto, de calquera caste de institucionalización ou lexitimación tendente a substituír o rigor científico pola crítica individual ou puramente política, tantas veces reaccionaria e sempre con pésimas consecuencias para as humanidades mesmas.

Non debera existir antagonismo ningún entre a ciencia e as humanidades, pois o entendemento, a comunicación e mesmo a correspondencia entre as dúas culturas, como dixera Percy Snow —entre a comunidade científica e a comunidade humanista—, abre unha vía para a resolución dos grandes e graves problemas que padece a humanidade nos tempos que vivimos. Todo empobrecemento cultural, notábel a día de hoxe, acaba en empobrecemento social, económico, político e, atreveríame a dicir, tamén científico. A interrelación entre a ciencia, as humanidades e a democracia. 

Comentarios