Opinión

Cordón sanitario

Por moito que empreguen a palabra "liberdade", os fascistas de hoxe seguen a practicar a mentira de xeito compulsivo e a subestimación da cultura e da intelixencia

Cando un fala na actualidade de "cordón sanitario", inmediatamente pensa —alén do significado que este sintagma poida ter como liña establecida para impedir o acceso ou paso de mercadorías por razóns de prevención médica fronte a enfermidades infecciosas— no "cordon sanitaire" político establecido no seu día polo dereitista e conservador Jacques Chirac contra a extrema dereita de Jean-Marie Le Pen e a súa Fronte Nacional fascista. Tal vez os conservadores franceses levaron a cabo unha política de salvación propia —Le Pen podía acabar empequenecéndoos— ou tal vez aflorou neles un resorte moral inusitado e a lembranza viva de cando o exército nazi-hitleriano (1940) entrou triunfalmente en París.

Cando se produce un burato negro no espazo democrático, ou, dito doutra maneira, un cancro expansivo no sistema, dado que o fascismo atenta expresamente contra a democracia, cómpre establecer medidas que salven ou protexan a democracia mesma. Fíxoo en Alemaña a conservadora Angela Merkel póndolle un cordón sanitario ao neonazismo campante no estado libre e federado de Turinxia, consciente ela do perigo para a democracia que supón o partido político hitleriano Alternativa para Alemaña.

O certo é que o ovo da serpe, que se estivo a incubar entre nós con moita desidia e incuria nos últimos tempos, deu á luz o ofidio perverso, e xa practicamente semella normal para algúns o triunfo do odio, do racismo, da xenofobia, do machismo criminal e dunha sorte de política pirómana que acaba sendo unha ameaza moi seria para a democracia. Por moito que empreguen a palabra "liberdade" —tamén Adolf Hitler a empregaba—, os fascistas de hoxe seguen a practicar a mentira de xeito compulsivo e a subestimación da cultura e da intelixencia, sempre prestos a sinalar os menores inmigrantes non acompañados e as persoas desvalidas como se fosen xudeus a borrar do mapa da humanidade.

Se o cordón sanitario a prol da democracia funciona perfectamente na Alemaña de hoxe coa conservadora Merkel á cabeza, vai ser moi difícil explicar, dende o presente e dende o futuro, por que no Reino de España, dadas as circunstancias, non se aplicou un dispositivo lexítimo de protección da democracia como é o cordón sanitario contra o fascismo que atenta en si mesmo e dende el mesmo contra a democracia. Hitler e Mussolini non terían chegado ao poder de existiren cordóns sanitarios no seu día.

Comentarios