Opinión

Corrupción

NA PROPIA etimoloxía da palabra corrupción xa se atopa o verbo rumpere, co significado de romper, quebrar, rachar, esnaquizar ou mesmo estalar, e acompañado do prefixo cor, derivado de kom, que significa xunto ou perto de. E tamén hai quen defende que corrupción incorpora as raíces latinas cor e rumpere, co significado de romper o corazón, algo que xa recoñecían os antigos romanos. Mais, cando o estilista latino Cicerón escribe Hannibalem ipsum Capua corrupit, a tradución correcta debe mostrarse como Capua corrompeu ao mesmo Aníbal, entendendo aquí que a vella capital da Campania botou a perder —analicen vostedes a historia— ao renarte xeneral e estadista de Cartago.

E o ditador Francisco Franco —demóstrao con datos empírico o economista, historiador e diplomático Ángel Viñas— foi corrupto de pura cepa

Con todo, falándomos de corrupción, e na súa vertente política, eu sempre acudo ao escritor paraguaio Augusto Roa Bastos, autor dunha das grandes novelas do século XX, Yo el supremo, unha obra que narra a historia de José Gaspar Rodríguez, quen fora ditador de Paraguai entre 1814 e 1840. Roa Bastos afirma que o poder de infección da corrupción é máis letal que o das pestes, e a expresión do escritor, que viviu máis de corenta anos de exilio, non só segue a ter vixencia actual senón que serve perfectamente para retratar boa parte do panorama político e social que se vive hoxe mesmo no denominado Reino de España.

E, dadas as circunstancias, o significado, neste caso palpitante, da palabra corrupción, cobra na actualidade valor sinonímico de podremia, descomposición ou putrefacción. Xulguen vostedes. O ano pasado celebrouse en Barcelona o I Congreso de Historia da Corrupción Política na España Contemporánea, e alí afirmouse, por exemplo, que en España o Estado foi capturado polos grandes grupos económicos e que as elites converteron o Estado en baluarte dos seus intereses. ¿E que quere dicir todo isto? ¿Ten carácter sistémico a corrupción en determinados sectores ben recoñecidos? Practicantes corruptos, por exemplo, foron Fernando VII, a rexente María Cristina, Isabel II ou Alfonso XIII. Pura historia. E o ditador Francisco Franco —demóstrao con datos empíricos o economista, historiador e diplomático Ángel Viñas— foi corrupto de pura cepa. É máis, o doutor Angel Viñas revela que Franco, tres semanas despois da súa exaltación como Caudillo, xa estaba desviando fondos procedentes de subscricións populares ás súas contas correntes. Pois iso.

Comentarios