Opinión

Cousas da realidade

EXISTE, claramente, unha 'realidade obxectiva', que é aquela que pertence a un espazo e a un tempo concretos, e que pode ser percibida por persoas diferentes e en momentos diferentes. E esa é a realidade que nos asalta día a día. Por moito que a información mediática a oculte, ou a desfigure, a realidade obxectiva está aí. Dende a perspectiva científica do estruturalismo, lémbranolo o sociólogo Josep Pont, a observación da realidade debe centrarse nas estruturas ou sistemas que se forman a partir da interacción das relacións sociais e tirando deste fío non é difícil chegarmos ao concepto de realidade establecido por Alfred Schütz porque esta significa tamén "unha relación coa nosa vida emocional e activa".

O escritor ruso Vladimir Nabokov, autor da obra 'Cousas transparentes', a súa penúltima novela, fala da dificultade de manter sobre a realidade común un punto de vista superficial xa que existe unha "leve película de realidade inmediata" que nos une indefectibelmente ao aquí e ao agora, á temporalidade do presente. Por exemplo, a través de Janice Ferreira, activista afroamericana en São Paulo, sabemos que a día de hoxe no Brasil morre cada 23 minutos un George Floyd: un mozo negro é asasinado. E a realidade dos crimes racistas sistémicos no Brasil está, sen dúbida, a ser silenciada ou ignorada.

Non deberiamos coñecer, aquí e en calquera outro ámbito, a verdade da realidade social en todas as súas dimensións? Como sostén Hannah Arendt, os clichés, as frases feitas, a adhesión ao convencional e os códigos estandarizados de expresión e conduta teñen a función socialmente recoñecida de protexernos contra a realidade: contra a chamada que dirixen ao noso pensamento e á nosa atención todos os feitos por virtude da súa soa existencia. Acaso na sociedade actual a substancia real das cousas, a realidade e a verdade mesma, non aparece en moitas ocasións 'velada', borrosa ou directamente falsificada? Queremos vivir, no social e no político, nunha sorte de 'ignorancia consciente'?

Se a ciencia iluminase a realidade, as súas cousas e os seus accidentes, modificaríase, sen dúbida, o universo condutual e a 'resposta' dos cidadáns

Se a ciencia (e, digámolo así, a educación/información real) iluminase a realidade, as súas cousas e os seus accidentes, modificaríase, sen dúbida, o universo condutual e a 'resposta' dos cidadáns. Mais o que impera é Trump e o 'trumpismo': o presidente ignorante e sociópata dos EE.UU. leva mentido en máis de 12.000 ocasións e non acontece absolutamente nada.

Comentarios