domingo. 20.09.2020 |
El tiempo
domingo. 20.09.2020
El tiempo

De quen son os nenos

Os nenos non son unha propiedade máis dos pais (simples "mascotas", que diría Vicente Verdú), porque os nenos e as nenas non son propiedade de ninguén: son persoas en si mesmas

Os nenos e as nenas son, dende perspectivas relixiosas e políticas extremas, propiedade -no sentido etimolóxico de proprius e pro privo- dos pais biolóxicos, e tal natureza tamén se produce, velaí a existencia dun problema cultural, cando os pais son adoptivos. Non é así? A psicóloga Susana Toporosi, especialista en psicanálise de nenos e adolescentes, pregúntase por que a propia casa é o lugar máis perigoso para os nenos e as nenas, e a resposta obtense de xeito inmediato: dúas de cada tres agresións sexuais contra os nenos e as nenas son perpetradas por persoas do ámbito familiar. E aí non hai propiedade que valla, porque nestes casos trátase de puro "dominio", e a idea de que o neno ou nena son unha propiedade dos pais e por extensión -como ben di a doutora Toporosi- dos adultos próximos a eles, está naturalizada a partir dunha vixente cultura patriarcal na que os nenos non son considerados suxeitos independentes, coas súas propias necesidades e preferencias.

Mais vexamos. E os 150 millóns de nenos que viven na rúa en todo o mundo, de quen son? Quen é responsábel de tal forma de barbarie? E os nenos e menores migrantes non acompañados que son estigmatizados e perseguidos, mesmo con violencia, polas extremas dereitas políticas, de quen son? E poderíamos referirnos tamén a que un de cada tres nenos viven en España en risco de pobreza ou exclusión social. Xulguen vostedes.

En realidade, cando as extremas dereitas políticas tratan de impor un denominado "veto parental", que non é máis que unha forma de "censura educativa", están a tratar aos nenos como suxeitos pasivos sen dereitos, puros obxectos privados. E os nenos non son unha propiedade máis dos pais (simples "mascotas", que diría Vicente Verdú), porque os nenos e as nenas non son propiedade de ninguén: son persoas en si mesmas. Até o católico Papa Francisco declarou no seu día que os pais eran custodios da vida dos fillos, mais non propietarios. Textualmente. E no que atinxe á educación regrada son os Consellos Escolares -e aí están representados os pais e as nais- os que regulan e aproban as actividades escolares complementarias en horario lectivo, que son ademais de obrigado cumprimento. Lei, democracia e Estado de dereito. Lean os retrógradas, un verdadeiro perigo para a democracia, a Declaración dos Dereitos do Neno (1959) e a Convención sobre os Dereitos do Neno (1989).

De quen son os nenos
Comentarios