Opinión

Defensa da lectura

A lectura facilita en grao sumo o desenvolvemento lingüístico, cognitivo, emocional, social e lúdico nos primeiros anos de vida do ser humano
 

UN TEMPO atrás o Portal das Palabras, un instrumento ‘dixital’ nacido dun convenio de colaboración entre a RAG e a Fundación Barrié en materia de lexicografía, elixiu entre as ‘Palabras do día’ a palabra "lectura" —acción de ler e interpretar un texto—, e utilizou como exemplo unha frase dun vello artigo xornalístico da miña autoría que se refería á lectura como "unha das actividades máis pracenteiras, imantantes, frutíferas e formativas que pode realizar un ser humano".

O escritor francés Paul Desalmand, un autor que ten reflexionado con profundidade como poucos sobre o oficio de escribir, dixo con moito acerto poético que a lectura, como o amor, é a pedra ideal para afinar a alma. E eu partillo tamén a reflexión do filósofo Emilio Lledó cando equipara o acto da lectura como unha forma de coñecemento do que outros pensan ou pensaron, algo que significa saír da soidade da conciencia propia, romper a monotonía da fala de un consigo mesmo e ‘falar’ proveitosamente con outros. Mais a lectura, e isto aprendino lendo a José Antonio Marina, outro filósofo e ensaísta imprescindíbel, non é só unha satisfacción ou un coñecemento de carácter privado, porque é tamén unha necesidade social da que vai depender a calidade da nosa vida e da nosa convivencia.

E o autor de La educación del talento aínda vai máis alá, pois afirma que a calidade da democracia depende da lectura, porque a lectura é o gran inimigo da tiranía: "Necesitamos unha democracia de lectores, necesitamos maiorías ilustradas, necesitamos recuperar a sabedoría de vivir, o sentido da historia, a comprensión de nós mesmos e dos nosos sentimentos, cousas que só os libros nos proporcionan".

O certo é que a lectura, partindo da experiencia seguida por nenos e nenas, facilita en grao sumo o desenvolvemento lingüístico, cognitivo, emocional, social e lúdico nos primeiros anos de vida do ser humano, e constitúese como un poderoso motor que pon en acción a mente e axiliza de xeito extraordinario a intelixencia. Debéramos entender a lectura como unha necesidade básica, como unha necesidade verdadeira, e como unha cuestión de país, de estado. Se non lemos, se non se fomenta a lectura, a linguaxe empobrécese notoriamente, e as capacidades humanas á hora de reflexionar, comprender, argumentar e imaxinar vense cada vez máis minguadas. Ademais xa o deixou dito o gran Flaubert, hai que ler para vivir.

Comentarios