sábado. 15.05.2021 |
El tiempo
sábado. 15.05.2021
El tiempo

Desaparición

O NOSO VELLO país galego vai camiño das 4.000 aldeas baleiras, territorios de noso que fican totalmente deshabitados, e a realidade da desindustrialización segue o seu curso. Un informe do Foro Económico de Galicia, presentado a finais de 2017, sinala que o sector industrial perde peso na economía galega, pois pasou de representar un 16,5% no ano 2008 a un 13,5% na actualidade. Por outra banda, como é ben sabido, a natalidade leva xa moitos anos en caída libre, e vaia ao respecto un dato recente: no ano 2017 producíronse perto de trinta mil defuncións e só dezaoito mil nacementos. Vexamos. Perda continua de poboación, envellecemento da poboación existente e un novo abrochar da emigración, esta vez centrada principalmente en miles de mozos e mozas que deixan o país en procura de oportunidades que a súa terra lles nega.

O panorama demográfico, recoñezámolo xa, é claramente alarmante, sendo que a día de hoxe o noso país ten a segunda taxa de natalidade máis baixa do Estado e a mortalidade máis alta. E, segundo estimacións da propia Xunta de Galicia, no ano 2050, de seguirmos así, poderíamos ter perdido un 40% da poboación con respecto á actual, o que se traduciría en 1 millón de habitantes menos.

¿Non se acenden xa todas as luces vermellas? O Foro Económico de Galicia tamén nos advirte, en documento moi recente, da progresiva desagrarización do medio rural, co mantemento de "fortes deficiencias estruturais no sector agrario e unha debilidade do complexo agroalimentario como elemento central que vén lastrando a dinámica das áreas rurais". Esta é a nosa dura paisaxe. Os profesores e economistas Edelmiro López Iglesias e María do Mar Pérez Fra, verdadeiros expertos na materia, chegan á conclusión de que o noso país precisa de forma ineludíbel unha reforma agraria, unha reforma estrutural que nos libre do desleixo existente neste eido e do posíbel camiño cara á desaparición dun espazo rural e dunha poboación a el asociada.

As luces vermellas xa están aquí. E brillan cegadoras. A última hora entre nós chámase Alcoa na Coruña e Museo de Arte Contemporáneo (MAC), antes de Gas Natural Fenosa e agora de Naturgy Energy Group, que decidiu pechar as súas portas para sempre. A desaparición é un cancro que avanza. No económico, no cultural, no vital. A cidadanía galega debera tomar boa nota. E activarse. Decidir. Dela e só dela depende o noso futuro.

Desaparición
Comentarios
ç