martes. 26.10.2021 |
El tiempo
martes. 26.10.2021
El tiempo

Destrución da paisaxe

A destrución da paisaxe natural, cultural e social é unha acción que podemos ligar ao proceso xeral de etnocidio que ten lugar entre nós, amparado dende altas instancias políticas e certos poderes económicos

Téñome eu referido en máis de unha ocasión a aquel Unamuno que non dubidaba en afirmar que o sentimento pola natureza, pola paisaxe, era a máis refinada expresión da civilización, e un verdadeiro encontro co intrahistórico; cunha tradición, interpretamos nós, que se debe a un "contínuum" entre a natureza, a paisaxe e o humano. E lembreime do filósofo cando tiven noticia de que existe unha grave ameaza sobre a Paisaxe Protexida dos Penedos de Pasarela e Traba, dacabalo entre os concellos de Vimianzo e Laxe, por mor da implantación dun parque eólico promovido pola compañía portuguesa EDP Renováveis, do Grupo Enerxías de Portugal, tamén con sede en Madrid.

No caso que nos ocupa, que non é o único no noso país, a paisaxe, a máis refinada expresión da civilización, vese claramente ameazada por intereses económicos alleos e privados, sen que a Xunta de Galicia teña adoptado unha posición inmediata e nidiamente contraria a respecto do paisaxicidio que se pretende perpetrar. A paisaxe, como ben se recoñece no Convenio Europeo da Paisaxe, asinado por España, posúe un papel de interese xeral en diversos ámbitos como a cultura, a ecoloxía, o medioambiente e o económico e social. Mais, no espazo dos Penedos aos que nos referimos, estamos a falar ademais, como lembra o xeólogo Vidal Romaní, dun dos rochedos máis extensos de toda a nosa terra e dun afloramento granítico formado hai 300 millóns de anos. ¿Pódese destruír un templo da natureza da magnitude dos Penedos de Pasarela e Traba con muíños de vento que chegan a ter 200 metros de altura? ¿Que opinaría deste ecocidio o pai da paisaxe galega, Ramón Otero Pedrayo, que falaba das "fondas composicións" paisaxísticas existentes en Galicia?

A destrución da paisaxe natural, cultural e social, tal como se evidencia, é tamén unha acción que podemos ligar ao proceso xeral de etnocidio que ten lugar entre nós, amparado dende altas instancias políticas e certos poderes económicos. Desprézase o valor incalculábel da paisaxe e dáse paso a un modelo de espolio económico privado que debera ser impedido mesmo co Código Penal na man, pois este castiga, no seu artigo 323, a quen cause danos en bens de valor histórico, artístico, científico, cultural ou monumental, incluídos os xacementos arqueolóxicos. E a paisaxe, concretamente a da Costa da Morte, é iso e moito máis. Un verdadeiro tesouro da natureza de todos.

Destrución da paisaxe
Comentarios
ç