sábado. 19.10.2019 |
El tiempo
sábado. 19.10.2019
El tiempo

Educación, educación

Na actualidade, se falamos con franqueza, o nivel educativo europeo no seu conxunto resulta un claro fracaso

XA ÉMILE Durkheim deixou establecido no seu día que a educación consistía nunha socialización metódica das novas xeracións, e que tiña por finalidade a adquisición dos estados físicos, intelectuais e morais precisos para vivir en sociedade. Ou dito doutra maneira, tal como enuncia Antonio Petrus, que é catedrático de Pedagoxía Social: a educación, dende unha perspectiva social, obviamente, ten como obxectivo que os individuos dunha sociedade determinada se formen e adquiran as habilidades ou competencias para a correcta vida no seo de tal sociedade. 

Pensando na necesidade da educación, e en particular da educación social, véñenme á memoria aqueles versos de José Agustín Goytisolo, tan válidos para a actualidade que vivimos: "En tiempos de ignominia como ahora/ a escala planetaria y cuando la crueldad/ se extiende por doquier fría y robotizada". ¿E como loitamos contra a crueldade e a robotización? Como di o dramaturgo libanés Wajdi Mouawad, ¿que clase de mundo é este onde os obxectos teñen máis esperanza que nós mesmos? 

O profesor Andreu Navarra, autor dun libro titulado Devaluación continua. Informe urgente sobre alumnos y profesores de secundaria, recoñece que os profesores queren crear cidadáns autónomos e críticos, mais o que acaban creando é un ciberproletariado, unha xeración sen datos, sen coñecemento, sen léxico. É dicir, vemos, en xeral, como triunfa unha relixión tecnocrática que evoluciona cara a contidos máis pobres e mínimos, e que provoca a floración de novos tipos de idiotez. "Hai pais ausentes porque traballan a eito, hai violencia, hai rapaces sen comer e sen almorzar, hai moitos problemas mentais e hai unha xeración ausente pola súa concentración nas redes e a súa identidade virtual". Talmente. 

Na actualidade, se falamos con franqueza, o nivel educativo europeo no seu conxunto resulta un claro fracaso. En xeral, para os distintos gobernos europeos –tamén para os autonómicos– a educación nunca foi, nin é, motivo de especial relevancia, nin se lle concedeu a importancia decisiva que merece. Na Unión Europea o 22% do alumnado de 15 anos de idade obtén resultados insuficientes en matemáticas e o 18% obtén resultados pésimos en lectura. 

E diante destes datos resoan as palabras de José Carlos Mariátegui: "Non é posíbel democratizar o ensino dun país sen democratizar a súa economía e a súa superestrutura política". 

Educación, educación
Comentarios