Opinión

Terror nas residencias

A palabra terror vén do latín e asóciase a ‘tremor’, mais nós temos en galego a forma ‘arrepío’, que resulta perfecta para describir o que ten acontecido no pasado, o que acontece hoxe e posibelmente o que seguirá a acontecer mañá nas denominadas residencias de anciáns. Temos falado en diferentes ocasións do aumento xeralizado da xerontofobia que ten lugar nas sociedades neoliberais, e que se traduce nun desprezo continuo e crecente, en moitos casos con formas de maltrato e agresión, dirixido contra as persoas maiores, ás que eu prefiro denominar, se me permiten, vellas e vellos, con todo o meu afecto e respeito.

Acábase de saber que nun centro xeriátrico da Mariña luguesa hai vellos e vellas que pasan fame; si, textualmente, que pasan fame. Pagan as familias ao redor de 2.000 euros mensuais por cada persoa ingresada e máis alá da falta de calidade nas comidas, algo habitual, chegan a pasar fame real, pois os produtos cociñados non son suficientes para as persoas internadas. Xulguen vostedes.

Case ao mesmo tempo tamén sabemos que a Fiscalía Provincial de Valencia ten aberto de oficio dilixencias de investigación penal sobre outra residencia de maiores, pertencente á mesma empresa que a da Mariña, por maltrato a anciáns residentes. E hai imaxes que arrepían: vellos mal vestidos atados a cadeiras, corpos cheos de chagas sen tratar medicamente e mesmo unha muller soa e núa, completamente abandonada. E existen ao longo e ancho da ‘pell de brau’ numerosos casos de desprezo, abandono e maltrato a persoas asiladas semellantes.

Aínda a estas alturas do século XXI, o maltrato aos vellos, que inclúe golpes ou pancadas e toda caste de intimidacións psicolóxicas, segue a ser nas residencias un tema tabú e practicamente invisíbel, pois ao silencio dos profesionais —sempre hai, poucas, excepcións— únese, en xeral, o silencio das vítimas. ¿Que dirían vostedes se se constatase que en España o número de persoas anciás maltratadas, segundo estudos realizados e sumando a violencia doméstica, ascende a catrocentas mil? O propio Consello de Europa denunciou recentemente un aumento de discursos de odio, todos eles de carácter público, cara ás persoas maiores neste tempo de pandemia que vivimos. Estanse a violar os dereitos humanos dos nosos vellos e as administracións pouco ou nada fan. Permítese a violencia invisíbel. As institucións posibilitan o crime.

Comentarios